Vitoria histórica dos republicanos do Sinn Féin en Irlanda do Norte
Vitoria histórica dos republicanos do Sinn Féin en Irlanda do Norte
Os nacionalistas, antigo brazo político do IRA, gañan coa proposta dun referendo de reunificación da illa de Irlanda
Os unionistas non aclaran se facilitarán a formación dun novo goberno
O escrutinio confirma a histórica vitoria do Sinn Féin en Irlanda do Norte, e será a primeira forza na Asemblea Autónoma de Stormont.
O seu triunfo no Ulster provocou no Reino Unido o medo á reunificación da illa de Irlanda precisamente este ano en que se celebra o centenario da partición. Ata o de agora sempre gañaron os unionistas, leais á Coroa británica.
Por primeira vez impóñense os republicanos nacionalistas irlandeses. Este sábado rematou o escrutinio dos votos tras os comicios do xoves.
Elixíanse 90 parlamentarios que conforman a Asemblea autonómica. Con 88 dos 90 escanos anunciados, o Sinn Féin logra 27, os mesmos que en 2017, o partido Unionista Democrático, 24 (-3), o da Alianza, 17 (+9), o Unionista do Ulster 9, (-1) e os nacionalistas irlandeses do Partido Socialdemocrático e dos Traballadores, 7 (-4). Os catro restantes son para outras formacións.
O grande beneficiado foi o Partido da Alianza, formación proeuropea que non se define nin nacionalista nin unionista e que case dobrou os parlamentarios.
A candidata do Sinn Féinn Michelle O Neill anuncia "un momento de cambio" moi importante. Reclama unidade para formar un goberno en Irlanda do Norte cos unionistas, que saen debilitados e divididos polo impacto do 'brexit' na provincia británica.
A cidadanía esixe un executivo de poder compartido "que resolva os problemas cotiáns" afirmaba este sábado a líder do Sinn Féin, Michelle O Neill na celebración dos históricos resultados.
A próxima semana presentará a súa candidatura ao posto de ministra principal, un cargo xamais ocupado por un político nacionalista desde a fundación de Irlanda do Norte tras o acordo de partición de Irlanda en 1922, e que desde entón dominaron os partidos unionistas.