Vixilancia Aduaneira confiscou 90 toneladas de cocaína o pasado ano
Vixilancia Aduaneira confiscou 90 toneladas de cocaína o pasado ano
Clans albano-kosovares están cada vez máis asentados en Galicia
Os narcos locais ocúpanse da loxística e de introducir a droga por mar
O buque Petrel descargou en Vigo, esta semana, 210 quilos de cocaína, o alixo requisado nun veleiro a 500 millas das Canarias. Operacións como esta son moi vistosas pero as cifras de incautacións indican que os maiores alixos se atopan en contedores.
Das 90 toneladas de cocaína que o Servizo de Vixilancia Aduaneira comisou o ano pasado, máis de dous terzos estaban en contedores. E todo apunta que o 2024 irá nesa liña.
"Compañeiros de Alxeciras acaban de apreixar máis de oito toneladas de cocaína polo que posiblemente as cantidades deste ano van ser moi similares as de 2023 e seguramente superaremos a cifra de 80 toneladas de cocaína".
O papel dos narcotraficantes galegos sería facilitar a entrada por mar e custodiar a droga en almacéns antes da súa distribución.
"A intelixencia policial detecta cada vez maior presenza de clans albano-kosovares que están detrás da propiedade da mercancía e que utilizan a loxística dos clans galegos especializados na importación desta mercancía e do almacenamento para levar a cabo a distribución da droga en toda Europa".
O Servizo de Vixilancia Aduaneira ten previsto renovar a súa flota este ano con oito embarcacións de alta velocidade e tres de altura construídas en Galicia.