Comisan 150 quilos de cocaína na estrutura somerxible dun portacontedores en Vigo
A DEA informou a Policía Nacional a principios de abril das intencións dunha organización criminal de introducir droga en España a través do porto de Vigo
Os mergulladores localizaron nun dos compartimentos do casco cinco bolsas que ocultaban 150 quilogramos de cocaína

Un operativo en que participaron axentes da Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira da Axencia Tributaria, coa colaboración da DEA (axencia norteamericana contra a droga), logrou intervir en Vigo 150 quilos de cocaína que se atopaban ocultos na estrutura somerxible dun mercante portacontedores.
Segundo informa a Policía Nacional, foi a axencia norteamericana DEA a que alertou, a principios de abril, de que unha organización criminal de carácter internacional pretendía introducir en España unha importante cantidade de cocaína a través do porto de Vigo.
As indagacións permitiron pescudar que se pretendía utilizar un buque portacontedores para o transporte da droga e que este atracaría na cidade viguesa. Tamén revelaron que a substancia podería ir oculta na parte somerxible do casco portacontedores.
Así, unha vez amarrado a porto o barco no que se sospeitaba que viña escondida a cocaína, realizouse unha inspección do buque.
Mergulladores do Grupo Especial de Operacións, xunto con axentes da Base Marítima de Vixilancia Aduaneira en Vigo, tiveron que intervir para comisar a droga, que estaba pegada ao casco do buque, por baixo da liña de flotación.
Os mergulladores localizaron nun dos compartimentos do casco cinco bolsas que ocultaban 150 quilogramos de cocaína.
A investigación continúa aberta para esclarecer os feitos e localizar aos integrantes da organización criminal implicados no envío da droga.