Dúas persoas detidas nunha operación antidroga orixinada na Estrada
O Xulgado de Instrución decretou o ingreso en prisión dun home e deixou unha muller en liberdade con cargos

Unha operación antidroga iniciada na Estrada rematou con dúas persoas detidas, acusadas dun presunto delito de tráfico. Axentes da Garda Civil da Estrada e da Policía Xudicial do Deza colaboraron neste operativo. Está relacionado con outra redada o pasado mes de febreiro na localidade, na que interviñeron distintas cantidades de cocaína.
As pescudas deron froito e levaron á detención dun home e unha muller, supostamente cando facían o intercambio da mercadoría. Colléronos nunha zona agochada de Fontecarmoa, en Vilagarcía. A muller, de 31 anos e veciña da Estrada, desprazaríase ata ese punto para -presuntamente- recoller a droga que logo vendería por doses. O home, de 48 anos, é veciño de Vilagarcía.
Os dous tiñan antecedentes penais, e pasaron a disposición xudicial no Xulgado de Instrución nº2 da Estrada. O xuíz deixou a muller en liberdade con cargos, pero decretou o ingreso en prisión para o home. Están acusados dun presunto delito de tráfico de drogas. Trataríase, neste caso, de cocaína.