Vox ábrese a apoiar o PP sen entrar no Goberno e Feijóo agradece o xesto: "É un avance"
Vox ábrese a apoiar o PP sen entrar no Goberno e Feijóo agradece o xesto: "É un avance"
"Non seremos un obstáculo para evitar un Goberno de destrución nacional", aseguran desde o partido liderado por Abascal
O líder dos populares ofreceu un acordo "amplo e constitucional" para gobernar en solitario
Novo xiro no camiño cara á investidura do próximo presidente do Goberno. Vox emitiu un comunicado este domingo en que de xeito implícito amosa a súa predisposición a non esixir ser parte dun futuro executivo liderado polo PP se iso permite evitar a reedición doutro Goberno de Sánchez apoiado en grupos independentistas.
Avalaría a Alberto Núñez Feijóo cara a Moncloa e aprobaría a súa designación como presidente ofrecendo os seus deputados sen liñas vermellas. Denuncia Vox que ese goberno suporía unha grave ameaza á orde constitucional e á convivencia, posibilitando, din no comunicado, que Sánchez lles concedera un referendo de autodeterminación.
O partido que dirixe Abascal intenta así que os populares poidan lograr outros apoios, como Coalición Canaria e o PNV, que lle poderían dar a maioría que precisa no Congreso dos Deputados.
Feijóo referiuse ao cambio de postura de Voz coma "un avance" na boa dirección de recoñecer o gañador dos comicios.
Afirma que a súa aposta é un “acordo amplo e constitucional” para que o PP goberne en solitario co apoio na investidura ou a abstención de PSOE e Vox. Os outros escenarios, afirma, son o bloqueo e a repetición de eleccións ou un Goberno de Pedro Sánchez con 24 partidos que “debilitaría”, di, os intereses xerais dos españois e sería “o contrario á gobernabilidade”.