O xurado popular declara culpable de asasinato a acusada polo crime de Cortegada
O xurado popular declara culpable de asasinato a acusada polo crime de Cortegada
Un tribunal popular declarou culpable a Cristina Rodríquez Veloso, a muller acusada de asasinar, despezar e queimar en 2021 na súa casa en Cortegada un home ao que coñeceu nunha rede de citas.
O xurado tivo en conta a alteración psíquica da muller e a confesión que realizou dos feitos.
Este veredicto fíxose público apenas tres horas despois de deliberacións, tendo en conta que a acusada confesara os feitos. Na actualidade a muller acumula case tres anos en prisión por estes feitos.
Para chegar a esa conclusión, o xurado baseouse na confesión da propia acusada, que recoñeceu os feitos no rexistro da súa vivenda, no xulgado de instrución de Ribadavia e na sesión inicial do xuízo. Tamén nos datos achegados pola Garda Civil e nos informes periciais, tanto de forenses como de psiquiatras e psicólogos.
Así pois, declaran probado que, tras coñecerse a través dunha rede social, vítima e acusado intercambiaron números de teléfono en agosto de 2021, e tan só un par de días despois o home colleu un voo de Barcelona a Vigo onde a acusada o recolleu o 20 de agosto para trasladalo á súa vivenda nunha aldea de Cortegada.
Tamén ven probado que, tras convivir tres días e manter varias discusións, "nunha hora non determinada" entre os días 23 e 24 a moza subministroulle ao home de "forma premeditada" unha cantidade "non determinada" de hipnóticos e antidepresivos, adormentando a vítima. Seguidamente, aproveitando a intimidade do domicilio e o "estado de somnolencia" do home, así como "movida polo ánimo de terminar coa vida deste", utilizou unha almofada para asfixialo.
Así mesmo, dan por probado que se desfixo do corpo nunha fogueira que acelerou con gasolina e que fragmentou o corpo.
Igualmente, vese validado que a acusada sofre un trastorno de ansiedade xeneralizada, un trastorno obsesivo compulsivo e un trastorno da personalidade "non especificado con trazos clínicos de trastorno esquizotípico", e que ademais existe unha limitación moderada da súa vontade. "Pero comprende perfectamente a ilicitude dos feitos dos que se a acusan", lese no veredicto.
Avalan as atenuantes solicitadas pola Fiscalía
Así mesmo, recóllese que a muller xa ingresou 10.000 euros, en concepto de pago de responsabilidade civil, a favor da familia da vítima, e que ademais confesou ser a autora dos feitos e "colaborou coas autoridades investigadoras na identificación dos lugares nos que enterrou o corpo" do falecido. Así pois, avalan as atenuantes solicitadas por Fiscalía: a analóxica de confesión e a de reparación do dano; así como a eximente incompleta.
Non apoiaron a concesión dun indulto no caso de que se solicitase e tampouco o beneficio de suspensión da execución da pena se concorresen os requisitos legais.
Despois da lectura do veredicto, o xuízo quedou visto para sentenza.
Na sesión oral da mañá a Fiscalía reduciu a petición de pena de prisión de 18 a 8 anos pola eximente incompleta e as dúas atenuantes e a defensa adheriuse.