Vox volve votar en contra e fracasa o segundo intento de investidura do candidato do PP en Murcia
Vox volve votar en contra e fracasa o segundo intento de investidura do candidato do PP en Murcia
A formación ofreceu un acordo de última hora ao PP: votaría a favor de López Miras se lle daban unha vicepresidencia e dúas consellerías do goberno rexional
Os murcianos volverán ás urnas se en dous meses non hai acordo para investir un candidato
Os votos en contra dos nove deputados de Vox na Asemblea Rexional de Murcia tombaron a posibilidade do candidato do PP Fernando López Miras de ser investido en segunda votación como presidente da Comunidade Autónoma e abre a posibilidade a novas eleccións.
O candidato do PP para presidir a Comunidade Autónoma Fernando López Miras non conseguiu a maioría simple (para a que se requiren máis votos favorables que en contra) necesaria na segunda votación para ser investido.
Só contou cos 21 votos a favor do PP, mentres que 24 votaron en contra, correspondentes ao PSOE, Vox e o Grupo Mixto, no que está Podemos.
Ao non saír investido, a presidenta da Asemblea iniciará novamente un proceso de consultas cos grupos parlamentarios para propoñer un novo candidato.
O candidato a presidente Fernando López Miras dirixiuse na súa alocución directamente a Vox e advertiulles que "ninguén entendería un bloqueo protagonizado pola esquerda, por Partido Socialista, por Podemos e tamén por Vox".
Responsabilizou a Vox da posibilidade dunhas novas eleccións polo seu bloqueo á investidura xunto a PSOE e Podemos, "unha grande irresponsabilidade conducir á Rexión a unha convocatoria de eleccións cando o resultado das urnas foi tan claro e contundente", e todo por querer "cadeiras".
Algo que confirmou posteriormente o presidente provincial e portavoz do Grupo Parlamentario de Vox José Ángel Antelo, quen fixo unha proposta de última hora, xa na tribuna de oradores, ao PP na que pedía a vicepresidencia e dúas consellerías de dez e mais a derrogación da Lei do Mar Menor.
O PP rexeitou o acordo. O portavoz do Grupo Parlamentario Popular Joaquín Segado rexeitou, en nome de López Miras, o acordo, argumentando que, "respecto ao Mar Menor, nin un paso atrás na súa protección".
Se en dous meses, a contar desde o 7 de xullo, non se consegue un acordo que permita a elección dun presidente iríase á repetición das eleccións.