Publicador de contidos
Publicador de contidos

Xa está instalada a estrela da árbore de Nadal de Vigo, coa que "chegará a Marte"

Xa está instalada a estrela da árbore de Nadal de Vigo, coa que "chegará a Marte"

Abel Caballero anunciou que o bosque luminoso do seu arredor "vai dar a volta ao mundo", unha frase que cobrará sentido cando se acendan as luces

Segundo o alcalde, a data do acendido desvelarase "dentro duns días"

Vigo culmina a montaxe da árbore de Nadal. Europa Press Vigo culmina a montaxe da árbore de Nadal. Europa Press
G24.gal 29/10/2024 18:09

O Concello de Vigo culminou este martes a montaxe da grande árbore de Nadal de Porta do Sol, coa instalación dunha grande estrela en tres dimensións na cima da estrutura. A árbore formará parte dun bosque luminoso, que se instalará nesa mesma praza e que, segundo o alcalde, Abel Caballero, "dará a volta ao mundo".

O rexedor explicou que a instalación da estrela dará ao abeto do Nadal case 10 metros máis de altura, e a árbore no seu conxunto superará os 44 metros de altura alcanzados o pasado Nadal, cando xa foi "a árbore de Nadal máis alta de España".

"Anecdoticamente, vai chegar a Marte. Gañarémoslle a Elon Musk a carreira de quen chega primeiro a Marte: chegará a árbore de Nadal de Vigo", clamou Caballero.

Por outra banda, o alcalde confirmou que este abeto formará parte dun "bosque de árbores de luces de Nadal vivos", aínda que non entrou en detalles sobre como será, para reservar a sorpresa ao momento do acendido -cuxa data se desvelará "dentro duns días"-, e avanzou soamente que contará con 8 árbores luminosas de 8 metros de altura cada unha.

"Hai que esperar a que chegue o momento do acendido para entender esta frase, pero vai dar a volta ao mundo", vaticinou, antes de apuntar que "hai unha grande expectación en todas partes para coñecer cando Vigo ilumina o Nadal".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar