Xa se descargaron 300.000 Bonos Activa Comercio, operativos dende o pasado venres
Xa se descargaron 300.000 Bonos Activa Comercio, operativos dende o pasado venres
O bono está dotado cun fondo total de 2,5 millóns de euros
Adheríronse a esta quinta edición do bono en toda Galicia 6.583 comercios
Bonifícanse ata 30 euros por usuario e un tope de 15 euros en cada compra
Dende que entraron en vigor o pasado venres, xa se descargaron 300.000 Bonos Activa Comercio, segundo anunciou o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración José González, quen esta tarde se achegou a dous negocios da cidade de Ourense que participan na iniciativa.
O bono pode descargarse en internet, en forma de código QR, e permite un desconto de ata 30 euros máximo por persona, con 15 euros de bonificación tope en cada compra. Aplicase en distintos treitos: por compras cun custo de 20 a 30 euros, aplícanselle 5 euros de desconto; a bonificación ascende a 10 euros en gastos de 30 a 50 euros, e o desconto de 15 euros obtense en compras iguais ou superiores a 50 euros.
Os comerciantes acollen con satisfacción esta nova edición do bono comercio, xa que din que supón un pequeno pulo ás vendas. "Dende o venres notámolo moito", sinala Dolores Rego, xerente dunha tenda de óptica na rúa Xoán XXIII de Ourense. "Vén moi ben, cómprenos nestes tempos", engade Isabel Arce, propietaria dun negocio de complementos e artigos de viaxe.
"Desde que soubemos que comezaría o Bono Activa Comercio xa houbo clientes que me pediron reservas de roupa. O venres viñeron a pagar usando xa os descontos do bono", comenta Marisa Quintas, que ten unha tenda de moda na céntrica rúa ourensá. Belén González, encargada dunha tenda de roupa situada a carón da anterior, di que elas mesmas lles axudan ás clientas a descargar o bono. E explica que "con dúas compras de 50 euros cada unha xa poden consumir os 30 euros de desconto".
O conselleiro informou que en outono haberá unha nova edición deste bono "coincidindo con épocas en que baixa o consumo, para axudar ao comercio local, que fai cidade, e apoialo fronte á competencia das plataformas de venda en liña".
Nas catro edicións anteriores, o bono mobilizou 65,7 millóns de euros, segundo datos da consellería.