Xavier Trias tras perder a alcaldía de Barcelona: "Que lles dean a todos"
Xavier Trias tras perder a alcaldía de Barcelona: "Que lles dean a todos"
O dirixente de Junts acusa os seus adversarios políticos de "mentir" e "xerar un ambiente de enfrontamento"
Abandonará a política tal e como anunciou que faría se non conseguía o bastón de mando do consistorio
O cabeza de lista de Junts en Barcelona, Xavier Trias, arremeteu contra o PSC, BComú e o PP por lanzaren unha "operación" na súa contra para evitar que a cidade teña un alcalde independentista e advertiulles de que se "equivocan absolutamente".
"Que els bombin a tots (que lles dean)", espetoulles.
Nun discurso no que non escondeu o seu anoxo, tras a investidura do socialista Jaume Collboni cos votos in extremis de BComú e o PP, Trias acusou a esas formacións de "mentir", de "facer bobadas" e de xerar "un ambiente de enfrontamento".
Trias reiterou que deixará o consistorio, como xa anunciou que faría se non lograba a alcaldía, pero antes lembroulles aos seus adversarios políticos que cando se retiren "marcharán para a casa sabendo que fixeron cousas que non deberían facer nunca".
"Isto é a democracia, uns gañan e outros perden", admitiu o cantidato de Junts, non sen insinuar reproches aos grupos que o desbancan da alcaldía malia ser o máis votado.
"Hai que saber gañar e perder con elegancia, hai xente que non sabe perder con elegancia, non me refiro a ningunha persoa, pero míroa", dixo levantando a cabeza cara a Ada Colau.
Terceira vez que pasa
O alcaldable de Junts proclamouse vítima dunha "operación" que ao seu entender "non é unha casualidade", xa que é "a terceira vez que pasa" e que busca impedir que Barcelona teña un alcalde independentista.
Segundo Trias, primeiro tentaron destruílo persoas "moi importantes do goberno central" -en alusión ás informacións falsas sobre a súa conta bancaria en Suíza-, e "xente que se presentou ás eleccións utilizouno" para gañar os comicios municipais en 2015.
Esa operación, engadiu, repetiuse nas últimas eleccións, cando "unhas forzas impediron" que Ernest Maragall fose alcalde grazas a un "invento do señor Collboni, que tentou de todas as formas posibles o mesmo que fixeron hoxe, un xogo de maxia para arrebatar a alcaldía".
"E hoxe vostedes, Collboni, Sirera e Colau, volven facer o mesmo coas mesmas escusas. E é que non queremos un alcalde independentista", mantivo, tras acusalos de facerlle "un mal favor á cidade e ao país".
Para Trias, eses partidos "explican mentiras, porque saben que cando fun alcalde funo de todos".
"Hai un problema de fondo moi grave. A ver se dunha vez deixamos de facer bobadas e saímos adiante no canto de provocar situacións difíciles que despois se pagan caras".
O cabeza de lista de Junts proseguiu cun rosario de reproches -"vostedes fan bobadas, crean un mal ambiente, un ambiente de enfrontamento, unha situación difícil"- para acabar espetándolles aos seus rivais políticos "que lles dean a todos".
"Non se atreven a mirarme á cara"
Segundo Trias, é tan evidente o seu erro que "desde que cheguei non se atreven a mirarme á cara. Dálles vergoña. Están equivocados e o tempo demostrarao", resolveu o seu discurso, que desencadeou un aceso aplauso dos membros presentes do seu partido.