Xeados artesáns ecolóxicos, un mercado en alza en Galicia
Xeados artesáns ecolóxicos, un mercado en alza en Galicia
Confírmano o restaurante O Fogar do Santiso e a empresa A Factoría Ecolóxica, os pioneiros en fabricalos en Galicia
O restaurante O Fogar do Santiso decidiu apostar no 2007 pola súa filosofía de vida, en que priman a sustentabilidade, a autosuficiencia e o valor engadido. Na busca dunha sobremesa rica e saudable que lle dera saída á froita da horta, lanzáronse a aprender cun mestre italiano a cultura do xeado artesán e foron pioneiros en ofrecer xeados artesáns ecolóxicos da casa. Lograron desestacionalizar o xeado nas súas mesas e quince anos despois seguen na carta.
Tras detectar a necesidade no mercado, a Fáctoría Ecolóxica con sede na Coruña foi pioneira no 2014 en fabricar xeados artesáns ecolóxicos, neste caso, para o público e a restauración. É a única empresa de Galicia certificada polo Consello de Agricultura Ecolóxica, co selo UBELABEL de produto vegano e coa certificación internacional IFS que garante a seguridade alimentaria nos procesos. Ofrecen 60 variedades de sabores nun xeado que teimaron en conseguir san e equilibrado e feito nun 80 % con ingredientes galegos.
Produtores e restauradores están convencidos de que a filosofía sustentable é o futuro como o demanda un consumidor cada vez máis responsable.