Xi e Biden comprométense a rebaixar a tensión entre A China e os EUA
Xi e Biden comprométense a rebaixar a tensión entre A China e os EUA
Os mandatarios mateñen unha xuntanza en Bali, na véspera do inicidio do cumio do G20, nun momento de distanciamento entre ambos países
O presidente estadounidense, Joe Biden, e o seu homólogo chinés, Xi Jinping, reafirmaron este luns a súa vontade de traballar xuntos e rebaixar as tensións que levaron a relación bilateral máis importante do mundo a un dos seus momentos máis baixos. Así se expresaron Biden e Xi ao comezo da súa primeira reunión como xefes de Estado na illa indonesia de Bali, onde mañá arrinca o cumio dos líderes do G20.
O primeiro en intervir foi Biden, quen expresou o seu desexo de manter abertas as liñas de comunicación entre A China e os EUA debido á "responsabilidade" que comparten as dúas potencias. "As nosas dúas nacións comparten a responsabilidade de xestionar as súas diferenzas, debemos evitar que a competición se converta en algo parecido ao conflito. Debemos atopar formas de traballar xuntos en asuntos globais urxentes que requiren a nosa cooperación", aseverou o líder estadounidense.
A continuación, Xi expresou a súa alegría de ver a Biden, co que estableceu unha relación próxima cando ambos eran vicepresidentes, e considerou que non hai "substitución para os encontros cara a cara", a pesar de que ambos mantiveron cinco conversas telefónicas e por videoconferencia desde que o estadounidense chegou á Casa Branca en xaneiro de 2021. "O mundo espera que A China e os EUA manexen de forma adecuada a súa relación", reflexionou o presidente chinés.
Ademais, Xi expresou o seu desexo de manter unha "conversa franca e en profundidade" sobre os temas de importancia estratéxica para a relación bilateral no ámbito rexional e global. Os dous líderes fixeron estas declaracións ao comezo da súa reunión, á que puido acceder a prensa, e que se desenvolveu nunha sala onde había dúas mesas con manteis azuis.
Nas mesas estaban sentados cada un dos presidentes con asesores e membros dos seus Gobernos. De fondo, había varias bandeiras estadounidenses e chinesas.
Con todo, o esperado encontro non empezou nesas instalacións, senón nunha ampla sala do hotel Mulia, onde se está aloxando a delegación chinesa e a 10 minutos do hotel Grand Hyatt, no que queda Biden.
Os dous líderes estreitáronse a man a modo de saúdo e sorríronse, posando para as cámaras nunha foto para a historia.
A cita bilateral chega nun momento de tensión agravada polas súas diferenzas en canto á guerra de Ucraína ou, máis recentemente, pola crise do estreito de Taiwán e as restricións impostas por Washington á exportación de equipos de produción de semicondutores á China.
Trátase do primeiro encontro en persoa entre Biden e Xi desde que o estadounidense asumiu o poder en xaneiro de 2021.
A última vez que se viron en persoa foi en xaneiro de 2017, cando ambos coincidiron no Foro Económico Mundial de Davos e Biden exercía como vicepresidente de Barack Obama (2009-2017).