Publicador de contidos
Publicador de contidos

Fin de semana de vacinación sen cita previa nos grandes recintos

Fin de semana de vacinación sen cita previa nos grandes recintos

Poden acudir persoas que cumpren cos criterios de Sanidade

No Ifevi e no Gaiás había este sábado dous postos habilitados

G24.gal 05/02/2022 14:34

En Galicia, a vacinación continúa. Esta fin de semana non hai citación por grupos. É, por tanto, vacinación libre para xente que, por diversas circunstancias, non recibiu algunha das doses. A partir do mércores vindeiro regresan as repescas para todos os grupos de idade e as segundas doses da poboación de 5 a 11 anos.

Este sábado os grandes centros de vacinación galegos presentaban unha imaxe inusual. Acoden persoas que pasaron a doenza nas últimas semanas e necesita o certificado da covid, e tamén aquelas que cumpren cos criterios de Sanidade para recibir segundas e terceiras doses.

Tendo en conta os altos índices de vacinación que hai en Galicia, os interesados ían chegando durante a mañá aos poucos. No Ifevi e no Gaiás había tan só dous postos de enfermería habilitados.

Entre os poucos que acudían estaba Carla, que recibira a primeira dose máis tarde ca o seu grupo de idade.

"Pasei a covid no verán, entón puxéronme a primeira dose en setembro e agora chamáronme para a segunda para a semana que vén pero non podía vir porque teño unha viaxe e por iso viñen hoxe e vacináronme sen problema ningún", dicía Carla.

Tamén acudían algunhas persoas que tiveron contacto estreito cun caso de covid recentemente ou que foran citados noutra cidade e que por estudos, por exemplo, non puideran acudir.

Outro caso é o de Manuel. Ten 32 anos e, por circunstancias laborais, recibira a monodose de Janssen nos Estados Unidos. Esta mañá administráronlle a dose de reforzo de Moderna.

"Eu tiña a miña tarxeta de vacinación americana pero cando tratei de convalidala aquí co certificado europeo ao principio foi complicado... Por traballo viaxo moito e agora necesitaba a dose de reforzo. Tras varias chamadas ao Sergas dixéronme que viñera hoxe sen cita previa e que xa me expedían o meu certificado europeo de vacinación", aseguraba este mozo vacinado.

O domingo estes centros seguirán abertos nunha nova xornada de vacinación libre.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos