Xornada de éxitos na Leb Ouro cos triunfos do COB e o Leyma
Xornada de éxitos na Leb Ouro cos triunfos do COB e o Leyma
O COB gañou diante do Cáceres (76-70) e o Leyma Coruña impúxose ao Alacante (86-69)
O COB e o Leyma Coruña lograron o triunfo nos seus respectivos partidos da xornada 9 da Leb Ouro. O cadro ourensán impúxose ao Cáceres por 76-70 e os coruñeses derrotaron a Alacante por 86-69.
Importantísima a vitoria de Ourense que iguala con tres triunfos co Cáceres, un rival directo pola permanencia. O triunfo cimentouse nun gran primeiro cuarto no que os locais marcaron a diferenza (23-9). A partir de aí souberon xestionar a vantaxe e os estremeños só lograron recurtar a marxe nos últimos minutos do encontro. Willett (20 puntos) e Peciukevicius (15) foron os xogadores máis destacados.
O Leyma Coruña, pola súa parte, tamén acadou o éxito diante do Alacante e sitúase con cinco vitorias na clasificación xeral. Era un partido moi importante para achegarse á zona alta e o Leyma entrou con moita forza. No descanso gañaba por 50-30. Pero un pésimo inicio do terceiro cuarto (parcial de 1-17) permitiulle ao Alacante meterse no encontro. Por sorte, os galegos reaccionaron e non sufriron para conseguir a vitoria. Triunfo coral con cinco xogadores por riba dos dez puntos.