Galicia prepárase para a chegada de Ciarán, unha borrasca que activará numerosos avisos

A alerta será vermella na costa da Coruña desde a madrugada, por vento en terra con refachos moi fortes, que poden chegar aos 100 quilómetros por hora e ondas que poden alcanzar os 9 metros

Risco de novos desbordamentos na conca do Miño

G24.gal 01/11/2023 13:26 Última actualización 01/11/2023 15:02

Galicia estará desde a tarde deste mércores en alerta laranxa por temporal costeiro en todo o litoral, que será vermella na costa da Coruña desde a madrugada, por vento en terra con refachos moi fortes, que poden chegar aos 100 quilómetros por hora e ondas que poden alcanzar os 9 metros.

A Xunta elevou nesta zona a alerta laranxa vixente en toda a comunidade desde as 18 horas deste mércores, xa que, segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía, o fenómeno meteorolóxico por temporal afectará con máis intensidade ao litoral coruñés desde a próxima madrugada por mar combinada de oeste a noroeste que deixará ondas de ata nove metros e ventos con forza 9 nesta área.

No resto do litoral galego segue vixente a alerta laranxa por mar combinada do oeste ou do noroeste, con ondas de ata 8 metros e ventos do oeste ou o suroeste con forza 8. En canto ao episodio adverso por vento, alcanzaranse refachos máximos de ata 100 quilómetros por hora en toda a provincia da Coruña; na Mariña lucense, centro e montaña de Lugo; na montaña de Ourense; e no interior de Pontevedra.

No resto da comunidade o aviso será de nivel amarelo por refachos de ata 90 quilómetros por hora. Ademais, estará activa a alerta amarela en practicamente toda a comunidade por precipitacións acumuladas de máis de 40 milímetros en 12 horas.

Tamén se espera que Ciarán traia consigo aire frío e con el chegarán as primeiras nevaradas en cotas por debaixo dos mil metros

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta, a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación a todas as administracións e entidades afectadas e no caso de concellos con plans de emerxencias municipais, recomendará a súa activación en fase de preemerxencia.

Polo que respecta aos particulares, dado que o fenómeno adverso prevese especialmente intenso segundo avance a tarde de mañá, a Xunta aconsella non viaxar a partir de primeiras horas da tarde e reducir os desprazamentos por estrada. E no caso de que sexa necesario viaxar, lembra que é preciso extremar as precaucións debido a posibles obstáculos na vía, bolsas de auga e zonas asolagadas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade