Publicador de contidos
Publicador de contidos

Gómez Besteiro descarta un pacto con outros posibles aspirantes ás primarias do PSdeG

Gómez Besteiro descarta un pacto con outros posibles aspirantes ás primarias do PSdeG

O deputado socialista por Lugo reivindica "a grandeza" dun proceso onde calquera militante se pode presentar e onde a designación do candidato á Xunta non é a dedo

Besteiro defende que o marco constitucional vai presidir as negociacións sobre a investidura de Pedro Sánchez

G24.gal 10/10/2023 09:54

Xosé Ramón Gómez Besteiro, aspirante ás primarias do PSdeG en que se elixirá candidato á presidencia da Xunta, non contempla un pacto nin unha candidatura conxunta co que fora secretario xeral dos socialistas, Gonzalo Caballero, se finalmente se presenta o proceso. 

Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, o deputado socialista por Lugo asegura que non está preocupado se hai máis aspirantes e reivindica un proceso no que hai liberdade para se presentar e para escoller. 

"Paréceme perfecto que se presente moita xente. As primarias teñen esa grandeza de que calquera militante se poida presentar, poida expoñer a súa visión aos militantes socialistas. A pena é que non o poidan facer outros partidos. Por iso estamos vivindo agora situacións coma a do propio presidente Rueda que foi elixido dixitalmente. Non houbo unhas primarias, non houbo posibilidade de confrontar proxectos e agora o que ocorre é que cando un é elixido dixitalmente tamén ten o risco, como está pasando agora, de que o acusen de ser un monicreque de Feijóo, ou, o que é peor, de Ayuso", apuntaba. 

Besteiro di que se presenta "con moita ilusión" e para "cambiar a Rueda, para cambiar a esta Xunta de Galicia. Son 14 anos de oportunidades perdidas e eu iso é o que quero cambiar".

O deputado do PSOE por Lugo apuntaba que no debate de política xeral, celebrado este luns no Parlamento de Galicia, viu "un Goberno esgotado que mira cara a fóra pero botándolle a culpa a todos, a Pedro Sánchez, ao alcalde de Vigo, á alcaldesa da Coruña....; unha Xunta de Galicia que non asume compromisos nin responsabilidades, nin exerce competencias"

Sobre o seu papel como membro da comisión designada polo PSOE para negociar a investidura de Pedro Sánchez, Besteiro compromete que "vou traballar polos intereses de Galicia"

Confía o socialista en sumar o voto afirmativo do BNG porque "hai moitas cousas en que podemos coincidir".

Ao preguntarlle sobre a negativa do goberno en funcións a transferir a titularidade da autoestrada AP-9, Besteiro lamenta que se poña o foco no traspaso e non se recoñeza a bonificación das peaxes aprobada polo Goberno de Pedro Sánchez.

Repróchalles aos populares que "cando Rajoy era presidente do Goberno; Núñez Feijóo, presidente da Xunta e Alfonso Rueda, vicepresidente, non se acordaron para nada nin da transferencia nin de bonificar as peaxes. Á xente o que lle preocupa é pagar e foi o goberno de Aznar o que ampliou a concesión". Explica que "nós temos que continuar nesa senda, na de aumentar a capacidade de bonificación e culminar ese proceso de transferencia". 

Sobre unha posible lei de amnistía, Besteiro defende que "o marco constitucional é o que vai presidir as negociacións e a culminación dos acordos. Todo dentro da Constitución, nada fóra da Constitución. Iso é o que vai defender o Partido Socialista e iso é o que vai cumprir o PSOE".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade