Xubilados e pensionistas protestan ante o INSS contra a exclusión dixital
Xubilados e pensionistas protestan ante o INSS contra a exclusión dixital
O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG realizou concentración nas cidades galegas pedindo que se manteña a atención presencial
Prevén realizar protestas similares ante as entidades bancarias
O colectivo de xubilados e pensionistas da CIG promoveu este xoves nas cidades galegas concentracións ante as oficinas do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) contra a exclusión dixital. Aseguran que causa "problemas graves" sobre todo aos maiores tanto no seu trato coas administracións como, por exemplo, cos bancos.
Na protesta de Santiago, Xepe Torres, do colectivo de pensionistas de CIG, denunciou que "xa desde antes da pandemia" da covid-19 as administracións se desfixeron "de traballadores" e están "a aforrar en persoal" promovendo a atención telefónica e dixital ou as xestións a través das app.
Segundo explican: "Non nos parece mal que tamén atendan así, pero o que dicimos é que todo o mundo e, sobre todo as persoas de determinada idade, necesita unha axuda", polo que reclaman "que se manteña a atención presencial".
En Galicia hai 900.000 persoas que están xubiladas. Delas "como mínimo 500.000" sofren "problemas graves", segundo ese colectivo.
A CIG comezou unha campaña de recollida de firmas para pedir amparo á valedora do Pobo contra a exclusión dixital que viven as persoas maiores cada día na súa relación coas administracións de diferente ámbito en Galicia. O colectivo de xubilados adscrito ao sindicato prevé realizar concentración ante entidades financeiras.