A Xunta destina preto dun millón de euros a axudas para previr os ataques do lobo
A Xunta destina preto dun millón de euros a axudas para previr os ataques do lobo
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir deste martes
As achegas poderán ser empregadas para a instalación de valados fixos ou para a contratación de persoal
Tal e como publica este luns o Diario Oficial de Galicia (DOG), a Xunta destina preto dun millón de euros a dúas liñas de axudas para previr os ataques do lobo ao sector gandeiro, para que as persoas físicas ou xurídicas titulares de explotacións gandeiras que figuren incluídas no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras (REGA) de Galicia, poidan solicitar axudas para a instalación de valados fixos por un importe de 400.000 euros.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir deste martes e o importe máximo da axuda será de 3,5 euros por metro lineal, ata un máximo de 1.750 euros por valado fixo electrificado e de 4,5 euros por metro lineal ata un máximo de 4.500 euros, no caso dos valados fixos con malla gandeira ou cinexética metálica.
Contratación de persoal
O DOG tamén publica este luns a convocatoria de subvencións, por un importe de preto de 570.000 euros, para axudar ao sector gandeiro en extensivo na contratación de persoal para desenvolver tarefas de pastoreo e manexo de reses co fin de protexer, na medida do posible, aqueles rabaños máis sensibles e susceptibles de sufrir un maior risco de predación.
A contía da axudas poderá alcanzar o 100 % dos gastos subvencionables cun importe máximo de 18.000 euros por persoa beneficiaria e, sen chegar a superar a porcentaxe anterior, a axuda máxima será de 1.500 euros por persoa e mes de pastoreo a xornada completa.
No caso dunha duración inferior a un mes ou dun contrato inferior á xornada completa, o importe reducirase de forma proporcional aos citados, cun límite de 9 euros por hora traballada.
A concesión das axudas realizarase mediante a comparación das solicitudes presentadas, de acordo con criterios de valoración como o tipo de gando, a existencia na explotación de cans protectores e defensores, a constancia de danos ocasionados polo lobo, o número de cabezas afectadas ou a superficie declarada na PAC no ano 2024.