Publicador de contidos
Publicador de contidos

Xunta e Goberno coinciden en que Galicia terá plataforma de eólica mariña

Xunta e Goberno coinciden en que Galicia terá plataforma de eólica mariña

Alfonso Rueda e Teresa Ribera manteñen discrepancias sobre a modificación da lei de costas

G24.gal 08/11/2022 20:37 Última actualización 08/11/2022 22:59

A reunión do presidente da Xunta Alfonso Rueda e a ministra para a Transición Ecolóxica Teresa Ribera celebrada este martes en Madrid acabou con acordo na aposta de Xunta e Goberno por unha plataforma experimental de enerxía eólica mariña nas costas galegas e con discrepancias na ordenación do litoral.

Alfonso Rueda chegaba á xuntanza coa demanda de prorrogar os prazos para os parques eólicos e de axilizar a tramitación dos proxectos de enerxía renovable previstos en Galicia. Teresa Ribera comprométese a facelo e a estudar a iniciativa da fábrica de fibras téxtiles anunciada para Palas de Rei que aspira a fondos europeos.

Hai coincidencia entre presidente e ministra tamén en que as augas galegas son idóneas para acoller unha plataforma de ensaio de eólica mariña.

"As industrias vanse beneficiar moi directamente da existencia (desta plataforma) ordenada e compatible co noso medio mariño, que en Galicia somos os primeiros interesados", dixo Rueda.

"Non me cabe a menor dúbida. Creo que é importantísimo que Galicia teña esa plataforma experimental", engadiu Ribera.

Lei de costas

No que manteñen discrepancias Xunta e Ministerio é na modificación da lei de costas que afecta 4.000 edificacións do litoral, segundo cálculos do goberno galego.

"O presidente pídenos, e parécenos axeitado, facer seguimento de preto sobre cada unha destas situacións, do mesmo xeito que trasladamos que é difícil transferir esas competencias sobre xestión do litoral", afirmou a ministra.

"Quedaron en estudalo; explicáronnos a súa postura e supoño que seguiremos discutindo sobre este asunto. Gustaríame chegar a un acordo, e saben que pedimos a transferencia desas competencias", asegurou o presidente da Xunta.

Da reunión tamén saíu a confirmación de que as administracións públicas teñan listos os plans propios de aforro enerxético o 1 de decembro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade