Xunta e Goberno iniciarán negociacións para tratar de resolver discrepancias sobre a lei de calidade alimentaria
Xunta e Goberno iniciarán negociacións para tratar de resolver discrepancias sobre a lei de calidade alimentaria
Xunta e Goberno iniciarán negociacións para tratar de resolver discrepancias sobre a lei de calidade alimentaria
O desacordo está no artigo 29 da lei galega, sobre as denominacións xeográficas de calidade
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este venres un acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Xunta que determina a decisión de iniciar negociacións para resolver as discrepancias do Executivo estatal en relación ao artigo 29 da Lei galega de calidade alimentaria.
Tamén se acorda designar un grupo de traballo para propoñer á comisión bilateral a solución que proceda.
Ademais da súa publicación no DOG e no Boletín Oficial do Estado (BOE), este acordo comunicarase ao Tribunal Constitucional (TC), como é preceptivo.
O artigo 29 céntrase nas denominacións xeográficas de calidade, tanto no que respecta os produtos agrarios e alimenticios, como os produtos vitivinícolas e as bebidas espirituosas.
Entre outras cuestións, fai constar que a norma se aplica a aquelas denominacións xeográficas de calidade sinaladas no apartado anterior que non superen o ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. "Con todo, o réxime inspector e sancionador que se recolle no título VII da presente lei será aplicable ás infraccións que se detecten en Galicia en relación coas denominacións xeográficas doutro ámbito territorial", recalca.
Conclúe que as zonas de produción, elaboración e, no seu caso, maduración, envasado, envellecemento ou as relativas a outras operacións posteriores á elaboración dos produtos amparados por cada denominación xeográfica de calidade deben delimitarse no prego de condicións, de acordo cos criterios agronómicos, climáticos, ambientais e humanos que correspondan.