Persoas maiores que viven soas reúnense polo Nadal en residencias da Xunta
Persoas maiores que viven soas reúnense polo Nadal en residencias da Xunta
Case 300 persoas participan no programa que organiza a administración autonómica nas residencias de tempo libre
Case 300 persoas maiores que viven soas pasan estas datas nas residencias de tempo libre da Xunta no Carballiño e en Panxón. Participan no programa Xuntos polo Nadal, unha estadía de balde que inclúe estancia, manutención e viaxe.
Na residencia de tempo libre de Panxón estrean xogo de bingo, un dos pasatempos favoritos dos maiores que están aloxados aquí polo Nadal. Son máis dun centenar de persoas das provincias da Coruña e Ourense.
"A comida, de marabilla, como a limpeza, os monitores... Todo ben, as actividades. Estamos como unha familia, de marabilla".
"Eu xa vin máis veces, porque me gusta".
Algúns repiten, para outros é a primeira vez. Son os traballadores sociais os que fan a selección. Os requisitos son ter máis de 60 anos e valerse.
"O trato, moi ben; a comida, demasiado; a limpeza, tamén moi ben. A única pega é que non lle tocou á xente que coñecía".
"Fixen un pequeno detalle en forma de poesía para aquí: 'Uns cantos días levo nesta residencia e síntome como na casa cheo de felicidade'".
Para despedir o ano, esta noite hai cea especial con baile e cotillón.
"Esta noite está prevista unha cea con todos os servizos completos como noutro restaurante, logo haberá unha actuación de cantantes, baile, cotillón... ata que o corpo aguante".
O día 1 tamén haberá menú especial de Aninovo. A estadía prolongarase ata o día sete de xaneiro.