Haberá primarias en Sumar, pero Díaz recórdalle a Podemos que Iglesias a designou "a dedo"
Haberá primarias en Sumar, pero Díaz recórdalle a Podemos que Iglesias a designou "a dedo"
Podemos segue sen confirmar a súa asistencia ao acto de presentación de Sumar
O PP acusa a Díaz de ser "a marca branca de Pedro Sánchez á fronte de Podemos"
Yolanda Díaz gozou dun protagonismo especial no debate da moción de censura. Á parte do presidente, foi a única representante do Goberno que interveu, cun discurso que o candidato de Vox, Ramón Tamames, cualificou de "presentación dun proxecto político que creo que se chama Sumar".
As acusacións de electoralismo chegaron tamén doutros partidos. Para Cuca Gamarra, voceira do PP, Yolanda Díaz "foi proclamada onte a marca branca de Pedro Sánchez á fronte de Podemos".
Para a líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, "faltoulle despregar aquí un cartel de 'Yolanda, presidenta'".
A súa candidatura á fronte de Sumar anunciarase o domingo da semana que vén nun acto en Madrid. Podemos aínda non decidiu se vai, a pesar dos convites públicos que lle fai Yolanda Díaz, quen insta á secretaria xeral do partido, Ione Belarra a que explique "cal é a decisión que toma".
E é que Podemos quere chegar a un acordo con Yolanda Díaz antes de confirmar se asiste ou non á presentación. "Evidentemente, o partido que Yolanda está montando co Partido Comunista ou con Más Madrid é diferente a Podemos, pero queremos ir xuntas ás eleccións e para iso o que necesitamos é un acordo e primarias", asegurou este mércores ante a prensa a ministra de Igualdade, Irene Montero.
Díaz asegura que haberá primarias en Sumar, pero recórdalle a Podemos o que o seu exlíder Pablo Iglesias designouna a ela mesma "a dedo".
Quen si parece bendicir o proxecto é o PSOE. Para a ministra de Facenda, María Jesús Montero, "sempre que á esquerda do PSOE haxa un lugar onde se articule unha parte do voto, parécenos ben".
Algúns partidos xa confirmaron que se unen a Sumar, como os Comúns cataláns ou Más País de Íñigo Errejón.