Publicador de contidos
Publicador de contidos

A Fiscalía non atopa datos que acrediten investigacións ilegais a membros de Podemos

A Fiscalía non atopa datos que acrediten investigacións ilegais a membros de Podemos

Investígase se foron obxecto de consultas ilegais en bases policiais en 2015 e 2016

Pablo Iglesias e Irene Montero nunha imaxe de arquivo / EP Pablo Iglesias e Irene Montero nunha imaxe de arquivo / EP
G24.gal 28/11/2024 11:07

Nun informe ao xuíz da Audiencia Nacional, Santiago Pedraz, o fiscal expón que non hai polo momento datos que permitan acreditar "un seguimento sistemático" e de vixilancia das actividades de deputados de Unidas Podemos.

Esta acreditación está relacionada cos oficios achegados á causa onde se investiga se certos membros do partido foron obxecto de consultas ilegais en bases policiais entre 2015 e 2016.

O fiscal afirma tamén que non aparecen datos que avalen esas sospeitas e que "existe remisión de documentación noutros oficios policiais e outras dilixencias de proba, así como feitos obxecto da querela diferentes aos informados aquí". Basea o seu ditame nos oficios remitidos pola Policía Xudicial o pasado 30 de outubro, en relación con consultas policiais vinculadas a entón dirixentes do partido, como Pablo Iglesias, Iñigo Errejón, Juan Carlos Monedero ou Carolina Bescansa.

Segundo o escrito do fiscal, unha consulta en relación a Errejón, o 20 de xaneiro de 2015, a Policía atribúea a un axente que realizaba funcións de Intelixencia na unidade correspondente e adscrito a unha sección de análise, onde un dos seus labores é a realización de valoracións de ameaza e/ou risco sobre eventos e personalidades. 

En relación con outras das consultas, o fiscal acredita que nalgunhas das dependencias xa non conservan os datos porque pasaron xa máis de dez anos e algúns dos funcionarios están destinados noutros lugares ou posiblemente xubilados.

É o mesmo caso que as consultas realizadas na comisaría do aeroporto de Baraxas, onde, segundo o fiscal, "non é posible informar das consultas realizadas polos funcionarios policiais, debido a que por diversas causas deixaron de pertencer a este persoal, non tendo acceso ás consultas realizadas polos mesmos nin á motivación das mesmas". 

En opinión do fiscal, outras das consultas non están xustificadas porque non se explican as razóns para realizalas, o superior que as ordenou ou a razón de efectuala.

As consultas relativas a Irene Montero, Ione Belarra, Pablo Bustinduy, Rafael Mayoral ou Juan Pedro Yllanes foron por hospedaxe, elaboración de documentación ou control de acceso ao Congreso dos Deputados. 

As de Montero están relacionadas "con actividades da Policía Xudicial sen sinalar cales e cunha consulta a un señor chamado Antonio Montero, que non ten relación coa deputada". De Belarra infórmase que hai unha consulta no aeroporto e do destino de tres funcionarios.

Tras a admisión dunha querela de Unidas Podemos en relación a estas consultas, xa declararon como investigados o que foi número dous do exministro do Interior Jorge Fernández Díaz (PP), Francisco Martínez, o tamén exnúmero dous da Policía, Eugenio Pino, ou o comisario Andrés Gómez Gordo. Todos eles negaron participar en supostas investigacións ilegais sen aval xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade