Publicador de contidos
Publicador de contidos

Zelenski asinará con Sánchez en Madrid un acordo de seguridade España-Ucraína

Zelenski asinará con Sánchez en Madrid un acordo de seguridade España-Ucraína

A ministra de Defensa confirmou este mes o envío de mísiles Patriot de forma coordinada con outros países aliados 

Sánchez e Zelenski en abril de 2022, durante a visita oficial do presidente español a Ucraína (Moncloa vía Europa Press). Sánchez e Zelenski en abril de 2022, durante a visita oficial do presidente español a Ucraína (Moncloa vía Europa Press).
G24.gal 13/05/2024 13:20

O presidente de Ucraína, Volodímir Zelenski, visitará nos próximos días España e asinará co xefe do Goberno, Pedro Sánchez, un acordo de seguridade entre ambos os dous países.

A visita a España de Zelenski, á espera de concretar a data aínda que fontes do Goberno informaron a Efe de que se prevé que sexa inminente, coñeceuse despois de que o pasado 7 de maio mantivese unha conversación telefónica con Sánchez en que este lle garantiu o apoio de España a Ucraína todo o tempo que sexa necesario.

Sánchez informou desa conversación e explicou que nela falaron sobre os avances do acordo de seguridade entre España e Ucraína que se rubricará durante a visita de Zelenski a Madrid.

Con motivo desa charla, o presidente do Goberno anunciou tamén que estará presente o próximo mes en Suíza na Conferencia de Paz que se celebrará sobre Ucraína.

Segunda visita a España

Zelenski xa viaxou a España en outubro pasado para participar en Granada, durante a presidencia española do Consello da UE, no cume da Comunidade Política Europea, que integran case todos os países europeos sexan ou non da UE.

Nas marxes dese cume, o xefe do Goberno reuniuse co presidente ucraíno e prometeulle máis axuda militar, como novos sistemas antiaéreos e antidrons, así como equipamento enerxético perante as novas necesidades que tiña nese momento o seu país para facer fronte á ofensiva rusa.

A ministra de Defensa confirmou este mes o envío de mísiles Patriot de forma coordinada con outros países aliados 

Sánchez seguiu reiterando en todo momento a necesidade de seguir axudando a Ucraína, e no ámbito militar a ministra de Defensa, Margarita Robles, confirmou este mes o envío a ese país de mísiles Patriot de forma coordinada con outros países aliados para a defensa antiaérea.

O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, non deu detalles sobre a visita de Zelenski ao ser preguntado por ela na conferencia de prensa que ofreceu este luns tras a reunión que mantivo en Madrid con alcaldes do Campo de Xibraltar para abordar as negociacións co Reino Unido sobre a rocha tras o brexit.

Albares limitouse a insistir que perante a guerra "inxusta e inxustificada" que está a sufrir, España seguirá apoiando a Ucraína todo o tempo que sexa necesario en todos os ámbitos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade