Publicador de contidos

A policía busca o dono do barco que chegou a Camariñas con 1.300 kgs de cocaína

A policía busca o dono do barco que chegou a Camariñas con 1.300 kgs de cocaína

Prisión sen fianza para o tripulante do pesqueiro e único detido ata o momento

A droga comisada no Nuevo Furuno valórase en máis de 40 millóns de euros

G24.gal 11/08/2023 17:00 Última actualización 11/08/2023 19:13

O xuíz pon en busca e captura ao propietario do Nuevo Furuno, o barco interceptado preto de Camariñas cando trasladaba un alixo de 45 fardos de cocaína.

A bordo ía só un tripulante, un mozo natural de Boiro. Pero el non é a persoa que mercou o pesqueiro de Camelle hai uns meses. O propietario, tamén de Boiro está en paradoiro descoñecido.

Ademais deles dous, podería haber máis persoas relacionadas co transporte da droga.

Sospeitan que a cocaína viña noutro barco e que se trasvasou ao Nuevo Furuno no corredor de Fisterra.

A operación antidroga segue aberta, baixo segredo do sumario. 

Prisión para o único tripulante do barco

Mentres tanto, o  Xulgado de Instrución número 2 de Corcubión decretou este venres prisión provisional, comunicada e sen fianza para o único detido polo momento na operación contra o narcotráfico de Camariñas.

Está investigado por un delito contra a saúde pública. 

O arrestado é un cidadán galego, de entre 30 e 40 anos, ao que se lle imputa un delito de tráfico de drogas a grande escala xa que o peso total do alixo andaría polos 1.300 quilos e o seu valor no mercado negro superaría os 40 millóns de euros.

A venda do pesqueiro activou a investigación

O barco fora vendido hai catro meses e desde entón non tiña actividade pesqueira coñecida. Os axentes do Greco, da Udyco e os de Vixilancia Aduaneira abordárono cando chegaba ao porto de Santa Mariña, en Camariñas.   

Esta é unha das operacións contra o narcotráfico máis importantes do que levamos de ano. Hai 10 días, a Udyco e Aduanas incautáronse de 500 quilos de cocaína en mar aberto; en maio comisáranse en Vigo 650 quilos de cocaína agochada nun cargamento de bananas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade