A casa dos 400 Papá Noel está en Oleiros
A casa dos 400 Papá Noel está en Oleiros
Fátima Ucieda abre a súa colección durante o Nadal para recadar fondos para Cáritas
Non hai colas quilométricas ás portas nin árbores xigantes iluminadas por miles de luces led, pero o Nadal habita na casa de Fátima Ucieda, na que hai máis de dúas décadas, cando quedou viúva, naceu unha pequena colección a partir dunha figura de Papá Noel, agasallo do seu home. Unha colección que nunca deixou de medrar.
"Nas tendas vánseme os ollos cando vexo un Papá Noel ben vestido. E encántanme os de peluche, os que podes apertar, tipo oso", confesa Fátima.
Os Papá Noel comezan a colonizar a casa de Fátima a mediados de novembro. Tarda catro días en colocalos todos. Están por todas partes, na terraza, no salón, no comedor e no aseo. O ano pasado Fátima decidiu abrir as portas da súa casa para compartir o seu tesouro con todo o mundo, especialmente cos nenos.
"Veñen e alucinan. Empezan a tocalos todos, póñenos todos en marcha. Gústame moito ver as caras dos nenos, escoitar os seus comentarios".
Perde parte da súa intimidade para axudar a Cáritas. Os visitantes poden colaborar con donativos en forma de cartos ou de alimentos non perecedoiros. Polo momento, só recibe xente as tardes das fins de semana pero a partir do 22 de decembro o museo de Fátima estará aberto todos os días ata o catro de xaneiro.
Esta casa de conto está no número 31 da Avenida Ramón Núnez Montero, en Oleiros.