A COP28: un paso máis preto da loita contra o cambio climático?, por María Loureiro
A COP28: un paso máis preto da loita contra o cambio climático?, por María Loureiro
A COP28 é a 28 reunión anual das Nacións Unidas (ONU) sobre o cambio climático, onde os gobernos discutirán como limitar e prepararse para o cambio climático futuro. Este encontro anual ten lugar desta volta na cidade de Dubai, nos Emiratos Árabes unidos, dende o 30 de novembro ata o 12 de Decembro do 2023.
A COP28 é importante porque espérase que axude a manter vivo o obxectivo de limitar o aumento da temperatura global a longo prazo, que fora inicialmente limitado a 1,5 °C. Isto foi acordado por case 200 países en París en 2015. O obxectivo de control da temperatura (e por tanto, de emisións) é crucial para evitar os impactos máis negativos do cambio climático, segundo o corpo climático da ONU, o Panel Intergobernamental sobre o Cambio Climático (IPCC).
Coñeciamos recentemente as conclusións do informe sobre as brechas das emisións a nivel mundial. O informe constata que se produciron avances desde que se asinou o Acordo de París en 2015. Prevíase daquela que as emisións de gases de efecto invernadoiro en 2030, sobre a base das políticas en vigor, aumentarían un 16 % no momento da adopción do acordo. Na actualidade, o aumento previsto é do 3 %. Porén, as emisións de gases de efecto invernadoiro previstas para 2030 aínda deben reducirse nun 28 % para asegurar que as temperaturas non superen 2 °C do Acordo de París e nun 42 % para a senda de 1,5.
Os motivos desta senda ascendente as emisións son variados: os cambios de uso do solo e incendios forestais son boa parte do problema, que xunto o transporte internacional seguen en aumento.
Empeza a constatarse tamén unha baixada dos países máis ricos na OCDE, pero esta vese superada polos aumentos de devanditas emisións nos países en vías de desenvolvemento onde se empregan fundamentalmente combustibles fósiles. Unha conclusión crucial, é por tanto, que debemos acelerar o proceso de redución de emisións se queremos evitar unha situación catastrófica.
Para iso, por tanto, fai falla aumentar a produción de enerxía baseada en fontes renovables non contaminantes, a utilización de biocombustibles e incluso cambios na conduta á hora de reducir desprazamentos ocasionais, ou tratar de compensar as emisións que se xeren. Fálase que a nivel mundial, a produción de enerxía baseada en fontes renovables ten que aumentar entorno a un 30 % de aquí ao 2030.
Outros puntos que se van tratar no cumio COP28, é o fondo de compensación de danos polo clima. Aínda non se definiron adecuadamente pautas de como podemos transferir máis de 100.000 millóns de dólares dos países ricos aos pobres, parece que se están facendo avances importantes.
Aínda así, as primeiras estimacións indican que se precisan cando menos 1 billón de dólares para facer fronte á ameaza climática. Confíase en que os países ricos materialicen achegas a este fondo para que os países máis vulnerables do mundo podan facer fronte as emerxencias climáticas, que cada vez son máis numerosas e daniñas.
E finalmente tamén se fala de que este cumio do clima será especialmente inclusivo, contando cunha ampla gama de participantes a nivel internacional, e no que os principais contaminadores sentan a negociar cos máis afectados, vendo A China e os EUA desta vez máis compenetrados na loita mundial contra as emisións.
Quedan so sete días para que remate este cumio. A ver que se logra para facilitar unha transición enerxética, xusta, rápida e inclusiva… porque sen ánimo de ser pesimista, todo parece indicar que necesitamos solucións hoxe mellor ca mañá.