O virus da gripe aínda non chegou á curva de ascenso en Galicia
O virus da gripe aínda non chegou á curva de ascenso en Galicia
A día de hoxe hai dezaoito persoas ingresadas por gripe e 37 por covid
Insístese na importancia da vacina entre as persoas máis vulnerables
As unidades pediátricas animan a vacinar a poboación menor de cinco anos
A día de hoxe hai 18 persoas hospitalizadas en Galicia a causa da gripe, algunha delas en coidados intensivos, aínda que desde o Sergas explican que é só o principio, que o virus non chegou á curva de ascenso.
"Pero vai vir en calquera momento, polo que hai que recordarlle á poboación que a gripe, sobre todo na xente maior, ten complicacións importantes, hospitalizacións e mortes, e que o fundamental é a prevención e que temos unha ferramenta extraordinaria para a prevención que é a vacina", subliña a xefa do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles do Sergas.
Susana Mirás engade que tampouco se pode baixar a garda contra a covid, que ten nestes momentos 37 persoas ingresadas na comunidade, sete en unidades de coidados intensivos.
Lembra que a campaña de vacinación dos colectivos vulnerables, tanto contra a gripe coma contra a covid, segue en marcha e que podería prolongarse.
"O ano pasado tivemos unhas coberturas extraordinarias, tanto de gripe coma de covid. E este ano agardamos repetir. De momento, a vacinación está a evolucionar dunha forma positiva e aínda queda campaña ata o 31 de decembro e posiblemente se poida ampliar ata xaneiro", explica.
Este ano, o Sergas ofrécelles ás persoas de 65 a 79 anos a posibilidade de recibir a vacina da gripe reforzada que lle poñen aos maiores de 80, dentro dun estudo clínico para comprobar se tamén reduce as complicacións da enfermidade entre eles.