As Nacións Unidas alertan dun "amoreamento extremo" en Rafah

O punto fronteirizo está a recibir milleiros de persoas desprazadas de Jan Yunis e outras áreas desde a fin da tregua

G24.gal 09/12/2023 08:48 Última actualización 09/12/2023 13:32

A zona de Rafah, no extremo sur de Gaza e próxima á fronteira con Exipto, está a recibir decenas de miles de persoas desprazadas de Jan Yunis e outras áreas máis ao norte desde a fin da tregua. Segundo denuncia a ONU, atópase nunha situación de "amoreamento extremo".

Moita xente está en tendas de campaña e outros aloxamentos improvisados no campus da Universidade de Al-Quds e nun edificio en obras para o futuro hospital catarí, sinala o informe diario da Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios das Nacións Unidas.

Nesas condicións, milleiros de persoas teñen que facer cola durante horas para recibir axuda humanitaria (alimentos, auga e outros bens básicos) e máis ao norte, a distribución da asistencia paralizouse polas hostilidades e as restricións de movemento.

O documento subliña que moitas das 1,9 millóns de persoas desprazadas tiveron que cambiar desde outubro dúas ou ata tres veces de aloxamento, a medida que os combates se foron estendendo desde o norte cara ao sur.

Bombardeo de hospitais

Tamén denuncia os primeiros ataques a instalacións sanitarias en Jan Yunis, agora centro dos combates, como ocorreu hai unhas semanas cos hospitais da capital de Gaza e outras localidades da metade norte da Franxa.

Os bombardeos alcanzaron este venres o hospital Al Amal na cidade e as oficinas contiguas da Media Lúa Vermella Palestina, ademais doutro hospital, o Yaffa, en Deir Al Balah, na zona media da franxa.

As hostilidades en Jan Yunis obrigaron tamén a pechar un dos nove centros de saúde da Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos (UNRWA).

No norte de Gaza, un dos dous hospitais aínda en funcionamento, o Al Awda de Jabalia, leva dous días rodeado por tropas e tanques israelís, os combates continúan nos seus arredores e o venres denunciouse o asasinato dun médico no centro dun disparo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade