A ONU denuncia novos ataques a hospitais e a ofensiva israelí esténdese ao sur de Gaza
A ONU denuncia novos ataques a hospitais e a ofensiva israelí esténdese ao sur de Gaza
Tres dos catro hospitais que aínda operan no norte de Gaza sufriron ataques en que morreron polo menos nove persoas
A axuda humanitaria reduciuse a case a metade en comparación coa que puido entrar durante a tregua
Os ataques afectaron o Hospital Kamal Adwan en Jabalia (norte de Gaza), onde houbo polo menos catro mortos e nove feridos, no centro Al Awda en Beit Lahiya, tamén no norte, con polo menos cinco mortos, e no Al Ahly da capital gazatí, cun número non confirmado de vítimas, indicou o informe diario da Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios da ONU.
Segundo ese informe, mesmo no sur da franxa as instalacións sanitarias están a ser cercadas polas forzas israelís: en concreto, ordenouse á Organización Mundial da Saúde que retire as súas subministracións médicas de dous almacéns nesa zona, onde ao parecer o exército israelí vai comezar a actuar. Nacións Unidas insiste en que os hospitais están a operar en situacións límite debido á falta de equipos.
A axuda humanitaria reduciuse a case a metade en comparación coa que puido entrar durante a tregua (en que accedían a Gaza uns 170 camións diarios, mentres que o luns só puideron facelo 100); o combustible reduciuse de 110.000 litros por día a 69.000, sinalou a ONU.
"Aínda que pareza imposible, pode chegarse a un escenario aínda máis infernal que o actual, en que as operacións humanitarias non poidan desenvolverse", asegurou a xefa humanitaria de Nacións Unidas Lynn Hastings, citada polo informe.
Por segundo día consecutivo, o único lugar de Gaza en que puido distribuírse axuda humanitaria foi Rafah, preto da fronteira con Exipto, debido a que mesmo localidades do sur antes relativamente libres da ofensiva israelí, como Jan Yunis, agora son de difícil acceso debido á extensión a esas áreas dos combates e ataques.
Esa axuda ademais vaise dificultando cada vez máis polos problemas de telecomunicacións: o luns á noite a principal compañía de servizos de telefonía e Internet na franxa anunciou que suspendía estes por cortes nas súas liñas de fibra, pouco despois de que parcialmente se interrompesen no norte de Gaza.
Segundo o informe, as autoridades israelís están a ordenar evacuacións inmediatas en áreas de Jan Yunis habitadas por unhas 117.000 persoas antes do conflito, en que tamén hai actualmente uns 50.000 desprazados internos en refuxios de Nacións Unidas.
Iso causou nos últimos dous días un novo éxodo de decenas de miles de desprazados cara a Rafah, máis ao sur, onde segundo o informe moitas persoas a falta dun teito están acampados nas rúas.
Ademais de bombardeos que causaron decenas de mortos na cidade de Gaza e noutras áreas, o informe da ONU denunciou violentos combates na Estrada Saladino, principal arteria de Gaza e única vía de escape dos evacuados do norte ao sur da franxa; neles morreron polo menos 17 persoas, entre elas unha familia de sete que viaxaba nun carro.
O informe tamén menciona un ataque con dez mortos e vinte feridos nas proximidades dunha escola da Axencia da ONU para os Refuxiados Palestinos (UNRWA) en Jabalia, norte de Gaza, unha zona que xa fora obxectivo de bombardeos antes da tregua dunha semana.
Os evacuados elévanse xa a 1,8 millóns, case un 80 % da poboación total de Gaza, e 1,1 millóns refúxianse en escolas e outras instalacións da ONU.