Un tiroteo nas Vegas deixa tres mortos e un ferido en estado crítico
Un tiroteo nas Vegas deixa tres mortos e un ferido en estado crítico
A policía abateu o autor do ataque, que vén sumarse aos máis de 600 tiroteos masivos que se produciron no país no que vai de ano
Un tiroteo na Universidade de Nevada, nas Vegas, deixou este mércores tres falecidos e un fediro grave, amais do falecemento do propio agresor, que foi abatido pola policía.
Adam García, encargado de Seguridade do centro universitario, confirmaba nunha breve comparecencia de prensa que o autor do tiroteo esaba "morto".
O alguacil da Policía metropolitana de Las Vegas, Kevin McMahill, limitouse a explicar que varias vítimas foran trasladadas a hospitais próximos. Máis tarde confirmábase o falecemento de tres delas.
Segundo o alguacil, xa non existe ningunha ameaza no campus universitario e aínda se descoñece a motivación que levou o agresor para perpetrar o tiroteo.
A policía das Vegas recibiu unha alerta de tiroteo na universidade ás 11:46 hora local (19:46 GMT).
Durante o tiroteo, os axentes pedíronlles aos cidadáns que evitasen a zona, mentres que a propia universidade avisou para que se puxesen a salvo.
A Casa Branca limitouse a sinalar que segue o sucedido moi de preto.
Os tiroteos son "unha epidemia que o presidente (Joe Biden) se toma moi en serio. Por iso tomamos medidas. Estamos a vixiar a situación moi de preto", indicou na súa conferencia de prensa diaria a portavoz presidencial, Karine Jean-Pierre.
Biden, emitiu un comunicado lamentando o tiroteo nas Vegas e outros dous ocorridos onte en Austin e en San Antonio (Texas), no que morreron seis persoas.
O líder demócrata reiterou o seu chamamento para que os republicanos no Congreso apoien a súa proposta de vetar o comercio de armas de asalto, que son utilizadas en moitos dos tiroteos.
Biden lembrou que Estados Unidos rexistrou durante este ano máis de 600 tiroteos masivos e uns 40.000 mortos pola violencia armada.
A Universidade de Nevada, abreviada como UNLV, é unha institución pública fundada en 1957 que conta con ao redor de 31.000 estudantes.