O BNG e o PSOE seguen negociando o acordo para a investidura de Sánchez
O BNG e o PSOE seguen negociando o acordo para a investidura de Sánchez
A Executiva Nacional reunirase este venres de forma extraordinaria
Entre as cuestións que se están negociando destacan novos descontos nas peaxes para a AP-9 e tamén para a AP-53
O BNG e o PSOE continúan negociando o acordo para o apoio dos nacionalistas galegos á investidura de Pedro Sánchez: “As negociacións seguen en marcha con puntos que aínda están pendentes de concretar. Seguimos traballando para alcanzar un bo acordo, porque, de conseguírmolo, Galicia sairía gañando", aseguran na formación nacionalista.
A Executiva do BNG reunirase este venres de forma extraordinaria. Segundo informa o BNG, entre as cuestións que se están negociando destacan novos descontos nas peaxes para a AP-9 e tamén para a AP-53.
A comisión negociadora deste principio de acordo está formada polo deputado no Congreso Néstor Rego, a senadora Carme da Silva e o membro da executiva Rubén Cela.
A portavoz nacional do BNG Ana Pontón incidiu nas últimas semanas en que a súa formación non daría un "cheque en branco" aos socialistas. Movemento Arredista, organización independentista integrada no BNG, fixo público a pasada semana un comunicado en que defendeu a postura de "non apoiar" a investidura de Sánchez debido aos "incumprimentos" do PSOE con respecto á maior parte do acordo da lexislatura pasada.