Arde unha casa de Laza por un incendio nun coche
Arde unha casa de Laza por un incendio nun coche
O lume iniciouse no capó dun vehículo que estaba aparcado ás portas da vivenda
As lapas propagáronse á casa e calcinárona por completo
Co susto aínda no corpo, os veciños de Toro, unha aldea da montaña de Laza, contan o atafegado domingo que pasaron.
"Aínda estaba a medio vestir cando sentín o estoupido. Asustoume e saín pola ventá. Xa vin o Emilio correndo cunha tina de auga e o Xosé Manuel con outra". "Eu estaba na cama e sentín petar na porta. Levanteime aínda descalzo e xa vin o coche ardendo", comentan dous veciños.
O lume iniciouse no capó do coche, que quedou completamente calcinado, e de alí pasou ás portas de madeira maciza do baixo da vivenda.
O dono do coche, veciño tamén da aldea, aparcou onde o fai habitualmente para non obstaculizar a rúa.
"O señor deixouno aquí aparcado e meteuse para a casa. E entón empezou a arder, debeu ser un cable ou algo así", sinala outro veciño.
En cuestión de minutos, estendeuse á casa.
"Nós sentimos un estoupido e despois xa sentimos berrar, berrar... os rapaciños chorando e a xente berrando", engade outro veciño.
A casa está deshabitada, pero dentro gardaban maquinaria e diversos utensilios que quedaron calcinados, malia a rápida intervención dos bombeiros que impediron, iso si, que o lume se propagase a outras vivendas.