Arrancan as vendas de marisco para conxelar para o Nadal
Arrancan as vendas de marisco para conxelar para o Nadal
Os vendedores din que a partir da ponte de decembro comezan a subir os prezos do marisco
A cousa dun mes para as festas, queda inaugurada a campaña das vendas de marisco para o Nadal. Na praza de abastos de Santiago, as peixeiras téñeno claro: "Máis para adiante isto vai ir moi caro, se hai algo", comenta unha. "Aforrar vas aforrar sempre", afirma outra.
O prezo é o que anima os máis previsores, pero o auxe do marisco para conxelar chega na ponte de decembro: a partir de aí, comeza a escalada. "As ameixas poden dobrar o prezo", comentan nun posto. "A centola témola a 22 euros e no Nadal pode chegar a 45, o camarón está a 70-80 e pode chegar incluso a 200".
E animan a perderlle o medo á conxelación. "A centola conxela moi ben, a nécora tamén pero mellor aínda a centola". E dan consellos para facelo: "coces o marisco, envólvelo no paniño mollado na auga de cocer, e ao conxelador".
Os temporais arrasaron con boa parte do marisco, así que o Nadal pode saír máis caro este ano.