Bendodo: "O 9 de novembro de 2023 é a data de defunción do PSOE"
Bendodo: "O 9 de novembro de 2023 é a data de defunción do PSOE"
O PP insta a continuar co "clamor" contra a amnistía que pretende aprobar o Congreso
Anima a participar nas concentracións do domingo de xeito cívico e pacífico
O Partido Popular asegura que toda España é un clamor contra a amnistía e anima a cidadanía a manifestarse este domingo de xeito pacífico, cívico e lexitimo. Os populares publicaron este sábado un manifesto onde acusan a Pedro Sánchez de poñerse á fronte do independentismo coa única intención de perpetuarse no poder.
Varias decenas de persoas manifestáronse en Málaga coincidindo coa xuntanza dos socialistas europeo, e tamén cun acto do Partido Popular, no que o coordinador xeral, Elías Bendodo, declarou que toda España é un clamor contra o que cualificou como pacto da vergoña entre o PSOE e os independentistas cataláns.
Para os populares o 9 de novembro de 2023 é un día negro para a democracia española e para o PSOE.
"O Partido Socialista agora tamén ten unha data de defunción, acabou de prestar os seus servizos o 9 de novembro de 2023. Ten un fundador que é Pablo Iglesias e un enterrador que é Pedro Sánchez. Acabouse o partido socialista de España, o que hai é un conglomerado de persoas ao redor do faraón".
Manifesto
O Partido Popular publicou este sábado o manifesto que se lerá nas concentracións de protesta do domingo.
O documento lembra o que chaman golpe do separatismo catalán de 2017 para afirmar que agora a ameaza é dobre, din, porque o presidente do Goberno, tras perder as eleccións, púxose á fronte do independentismo para perpetuarse no poder.
O PP acusa o PSOE de negociar a gobernabilidade fóra de España e anima a todos os demócratas, sen distinción de ideoloxía, a dar a batalla contra a impunidade.
Vox xa anunciou que vai participar nas concentracións convocadas polo PP e que despois se sumarán ás marchas que finalizarán diante das sedes do PSOE.