Bruxelas cifra en 132 millóns o custo de usar o galego, catalán e éuscaro na UE

O cálculo é unha estimación, non será preciso ata que os estados membros acepten a oficialidade das tres linguas

G24.gal 08/12/2023 19:16 Última actualización 08/12/2023 19:35

A Comisión Europea estima que o custo da oficialidade do catalán, o éuscaro e o galego na Unión Europea sería de 132 millóns de euros, segundo un informe preliminar.  Para chegar a ese cálculo, Bruxelas multiplicou por tres os 44 millóns que custa actualmente ao ano a tradución e a interpretación ao gaélico, pero deixa claro que debe "chegar a un cálculo máis preciso" que aínda non está en condicións de elaborar, ata que os 27 acepten a oficialidade das tres linguas.

Os países da UE volverán analizar a cuestión o martes da semana que vén, sen previsión de que cheguen a un acordo para aprobar a oficialidade. No momento en que o aproben, a Comisión necesitará seis meses para calcular o custo definitivo, en base a tres parámetros, segundo o documento.

En primeiro lugar, o custo de engadir un idioma oficial ao réxime lingüístico da UE depende da facilidade de contratación de persoal para a tradución e a interpretación e do que custe revisar e publicar os textos legais nesa lingua. "Dependendo da cantidade de tradutores e intérpretes cualificados, que pode variar segundo a lingua, é necesario identificar e organizar unha formación específica coas autoridades españolas", indica o documento.

O custo definitivo dependerá tamén dos sistemas de intelixencia artificial de tradución automática que existan en cada lingua e se non existen, necesitarase investir neles, asegura Bruxelas. Por último, haberá que ter en conta os períodos de transición que se establezan ata que a oficialidade do catalán, o galego e o éuscaro sexa completa. 

España comprometeuse a asumir o custo total da oficialidade do catalán, o éuscaro e o galego para vencer así as reticencias dos seus socios e pretende introducir seis condicións para garantir que outras linguas minoritarias como o ruso non poderán reclamar a oficialidade na UE, un temor dos países do Leste.

Trátase de factores como que as tres son "orixinarias dun Estado membro", contan con recoñecemento constitucional nese Estado e son linguas de traballo no Parlamento nacional dun país da UE, cambio que en España chegou precisamente por mor das negociacións de investidura tras as eleccións do 23 de xullo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade