Aprobada a OPE de Administración da Xunta, cun total de 1.102 prazas

Un 55 % das prazas será de acceso libre

Oposicións
G24.gal 09/11/2023 12:01 Última actualización 09/11/2023 15:57

A Xunta acaba de aprobar unha oferta de emprego público para a Administración de 1.102 prazas. Delas, máis da metade, 606, serán de acceso libre, 309 de promoción interna e 187 para funcionarización do persoal laboral fixo da Xunta.  

Así o afirmou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, despois de que o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, xa o avanzara na comparecencia no Parlamento Galego. Nun mes comunicaranse as datas dos exames.

"Un ano máis, esgotamos a taxa máxima de reposición de efectivos que nos permite a Administración xeral do Estado", apuntou.

Do total de prazas de acceso libre, 334 serán para as brigadas medioambientais e 94 para o corpo xeral da Xunta. 

Outras 168 están destinadas a varias categorías: auxiliares de clínica, facultativos de psicoloxía, para reforzo do IGAPE ou o Instituto de Control do Medio Mariño, entre outras.

Brigadas medioambientais

Rueda avanzou, tras a reunión semanal do Consello da Xunta, que se vai crear unha unidade especializada de axentes medioambientais para velar polo patrimonio natural de Galicia. Será unha brigada móbil que traballará por toda a comunidade para investigar e perseguir accións vencelladas, por exemplo, ao uso de velenos ou infraccións graves na pesca e na caza. 

Licitada a xestión de dúas residencias da fundación Amacio Ortega

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou tamén a aprobación do “concurso” mediante o que se licitará a xestión das dúas primeiras residencias de maiores cedidas pola fundación Amancio Ortega en Santiago e Lugo, por valor de 10,9 millóns de euros.

Rueda ratificou a luz verde a este concurso que recibiu críticas dos sindicatos ao entender que debería ser o Goberno galego o que asumise a xestión das residencias. Fronte a iso, Política Social presentou o concurso para as dúas primeiras residencias que a Fundación entrega á Xunta, a de Santiago recentemente recibida e a de Lugo, que recibirá o Executivo en “próximas semanas”. Estas residencias contemplan 240 “prazas públicas” en total, o que, ao seu xuízo, “é unha magnífica noticia”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade