Contrariedades do mercado laboral en novembro: entre a redución do paro e a perda de emprego, por María Cadaval
OPINIÓN
Contrariedades do mercado laboral en novembro: entre a redución do paro e a perda de emprego, por María Cadaval
O pasado mes de novembro, as cifras do mercado laboral en España presentaron un panorama paradoxal. Aínda que se rexistraron 24.573 parados menos, o número de postos de traballo eliminados ascendeu a 11.000. Este contraste resalta un desafío persistente: a desaceleración na creación de emprego a pesar da diminución do paro rexistrado.
A hostalaría, con 116.000 postos de traballo menos, presenciou un desequilibrio significativo que non puido ser compensado polo aumento das contratacións no ámbito educativo, onde máis de 38.000 profesionais están reincorporándose ao traballo despois do verán. Os datos desestacionalizados revelan unha baixada de 34.785 persoas no paro, pero a un ritmo considerablemente menor que no primeiro semestre do ano, o que dá mostra do seu esgotamento.
A estacionalidade, xunto coa precariedade, emerxen como os principais obstáculos que afronta o mercado laboral español. Este ano, a natureza estacional prolongouse debido ao cambio climático, estendendo o verán ata finais de outubro. O resultado foi a concentración dos despedimentos en novembro, un mes que se converteu en período de vacacións ou descanso para moitos traballadores antes de volver á busca activa de emprego. Tras un verán extraordinariamente longo agárdase unha campaña de Nadal o suficientemente turística para pechar cun bo dato de desemprego.
Mentres tanto, en termos comparados, España segue a rexistrar unha taxa de paro por riba da media europea, con incentivos reguladores que fomentan o desemprego de longa duración.
Os actuais subsidios de desemprego, tal como están deseñados, presentan eivas importantes que minguan a súa eficacia. Estes apoios públicos atópanse desconectados do mercado laboral, resultan incompatibles con empregos e carecen dunha metodoloxía efectiva para promover a busca activa de emprego. É o momento de cambiar o paradigma dos subsidios de desemprego e transformalos en verdadeiras axudas públicas ao emprego. Estas axudas deben estar aliñadas cos incentivos necesarios pola situación económica actual, capaces de estimular a formalización da economía somerxida e facilitar a reinserción no mercado laboral.
Antes do vindeiro martes 12 de decembro, o Goberno ha de aprobar a reforma do subsidio de desemprego para o que non hai consenso entre os Ministerios de Economía e Traballo. Yolanda Díaz defende un incremento na duración dos subsidios e as contías durante o primeiro ano, cunha compatibilidade nos primeiros 45 días de contrato nunha contía equivalente ao 40 % do IPREM. Nadia Calviño, pola súa banda, propón unha compatibilización durante máis tempo, cun complemento de perfil decrecente. Asemade, unha redución da contía do subsidio de 480 a 300 euros, e da duración de 30 a 12 meses cunha mingua no prazo de solicitude a tan só 15 días.
Dúas visións diferentes, a de Asuntos Económicos pon o foco na busca activa de emprego e na loita contra a economía somerxida, mentres que Traballo establece como prioridade a ampliación e contía do subsidio e a redución da burocracia. Se se constata que Nadia Calviño é elixida este venres para o BEI, o camiño de Díaz queda mais despexado. Sexa como for, antes de que remate o ano o Goberno debe ter un plan que enviar a Bruxelas coa nova proposta, condición necesaria para o desbloqueo dun novo paquete de Fondos Europeos.