Descobren cinco novo petróglifos, sen catalogar, nos montes de Campo Lameiro 

Membros da Asociación Eido do Cervo encontráronos ao marcar a carreira de montaña do sábado

O Trail do Cervo busca divulgar a riqueza patrimonial e natural destes montes e protexela

Petróglifo dun cervo ao carón da aldea de Painceiros, en Campo Lameiro
G24.gal 07/12/2023 14:25

Campo Lameiro suma desde esta semana cinco novas estacións de arte rupestre, aínda sen catalogar, ao seu amplo patrimonio.

Descubríronas os membros da Asociación Eido do Cervo ao marcar os percorridos do primeiro Trail do Cervo que celebran este sábado polos montes do concello e dos municipios limítrofes. 

Manuel e Xiana, da asociación, percorren estes días o monte Cábado que comparten Campo Lameiro, Cuntis e A Estrada, para delimitar a carreira de montaña organizada por primeira vez en colaboración co concello de Campo Lameiro. Con ela, queren chamar a atención e protexer a riqueza natural da paraxe dos proxectos eólicos que os ameazan.

Grazas a estes paseos, por casualidade, descubriron as 5 novas estacións. Manuel Abalo, bombeiro forestal afeccionado á arte rupestre e membro do Eido do Cervo, cóntanos como foi.

"Están así nunha laxe que ninguén mirara nunca, pasamos por aquí no deseño e marcaxe da proba e vimos que tiña un cervo debuxado.  As outras catro teñen combinacións circulares que non se coñecían, e todas están sen catalogar".

Non é a primeira vez que Manuel, veciño de Cuntis, descobre petróglifos por estes montes. Tamén encontrou outros no Monte Acibal, ameazado como este monte Cábado, por un proxecto éolico. 

A carreira dálles a escusa para levar a cabo o seu obxectivo: a defensa do rico patrimonio que conservan estas montañas do interior da provincia de Pontevedra, con poboacións de flora e fauna en perigo de extinción como explica, entusiasta, Xiana Albor, bióloga pertencente a Eido do Cervo de Campo Lameiro.

Fin de semana acertada en Campo Lameiro, coa celebración do Trail do Cervo o sábado e a concentración do domingo no santuario dos Milagres de Amil para protexer o patrimonio do concello, o patrimonio de toda Galicia.

Unha boa oportunidade para desfrutar á vez do deporte e da riqueza patrimonial e natural destas montañas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade