Denuncian danos nos petróglifos do Monte Xiabre pola construción de tobos para coellos
Denuncian danos nos petróglifos do Monte Xiabre pola construción de tobos para coellos
Desde a Asociación Umia Vivo piden que se identifiquen mellor sobre o terreo as pedras xa catalogadas para evitar posibles agresións involuntarias
Os sucesivos incendios rexistrados no monte Xiabre desde o ano 2006 foron poñendo á vista un gran número de petróglifos que non estaban rexistrados previamente. A asociación Umia Vivo, que colabora desde hai anos con Patrimonio para que se vaian catalogando os achados, pide que o traballo feito sobre o papel se plasme tamén sobre o terreo "para saber que aí hai unha pedra e naide por descoñecemento poida involuntariamente danala", remarca o presidente da entidade, Jesús Rodríguez.
A lei establece unha área de protección de 200 metros e obriga a que un arqueólogo supervise calquera actuación que repercuta sobre ese espazo protexido. Pero desde a Asociación Umia Vivo denuncian que iso non se tivo en conta á hora de facer dous tobos para o repoboamento de coellos nestes cumios do Xiabre.
Segundo Jesús Rodríguez, o tobo feito no Curuto das Bestas está moi preto da laxe rexistrada como Xiabre 2 e afectou unhas pedras labradas desa zona. Outro refuxio igual que está no alto do Pouso Cobo provocou aínda máis dano patrimonial, segundo a denuncia de Umia Vivo.
"Polo menos un dos petróglifos resultou danado por ferramenta ou por algún obxecto posto que ten un impacto visible".
Desde esta organización manteñen que a defensa do patrimonio é perfectamente compatible co aproveitamento forestal ou calquera outro uso produtivo ou recreativo do monte. Para iso insisten en que é imprescindible que os lugares de valor arqueolóxico e paisaxístico estean ben delimitados e sinalizados.