Os Estados Unidos volven vetar na ONU un alto o fogo inmediato en Gaza
Os Estados Unidos volven vetar na ONU un alto o fogo inmediato en Gaza
O Goberno de Biden alíñase con Israel e argumenta que o cesamento só serviría para rearmar a Hamás
A resolución, presentada polos Emiratos Árabes Unidos, conseguira o apoio de 97 países en só 24 horas
Os Estados Unidos volveron vetar unha nova resolución do Consello de Seguridade da ONU para pedir un cesamento do fogo inmediato en Gaza. Presentada polos Emiratos Árabes Unidos, acadara o apadriñamento de 97 países membros en só 24 horas.
O chamamento foi apoiado por 13 membros do Consello e contou ademais coa abstención do Reino Unido. É a segunda vez, desde que comezou a guerra en Gaza, que os EUA vetan unha resolución neste sentido.
En liña con Israel, argumenta que alto ao fogo só serviría para rearmar a Hamás e manter cativos os 138 reféns na Franxa.
"O Consello queda illado, e aparece así desligado do seu propio documento fundacional. Que mensaxe estamos a transmitir aos palestinos se non podemos unirnos tras un chamamento para parar os bombardeos incesantes sobre Gaza?", preguntouse o representante dos Emiratos Árabes, Mohamed Abshahab.
Pola súa banda, o representante estadounidense Robert Wood lamentou que a resolución se redactara "de xeito precipitado" e como resultado fora "desequilibrada e divorciada da realidade, porque non podería mover as cousas nadiña de nada sobre o terreo".
Vetos na ONU
O 18 de outubro os Estados Unidos vetaron tamén en solitario unha resolución similar presentada polo Brasil que pedía un cesamento do fogo. Argumentaba entón que aquel texto non mencionaba o dereito de Israel á autodefensa.
Foi precisamente o conflito palestino o que motivou a maioría dos vetos dos Estados Unidos no Consello de Seguridade, ata 45 veces en toda a súa historia, sempre para poñerse ao lado do seu principal aliado no mundo, Israel.
Situación dramática
Esta última votación produciuse a pedimento do propio secretario xeral, António Guterres, que esta semana recorreu a un mecanismo excepcional da carta fundacional da ONU, o artigo 99, polo que pode pedir a intervención do Consello en casos de graves ameazas para a paz e a seguridade no mundo.
Guterres fixo ante o Consello unha dramática exposición da situación, lembrando que Gaza "se asoma ao abismo" e que "os ollos do mundo, e da historia, están a mirar (cara ao Consello). É hora de actuar".
A guerra de Gaza deixou xa 17.000 vítimas mortais en Gaza e 1.200 en Israel. Provocou ademais o desprazamento do 85 % dos 2 millóns de gazatís e deixounos con graves problemas sanitarios e de alimentación.