Evoluciona favorablemente o incendio de Valencia, pero duplícanse as hectáreas queimadas

As hectáreas arrasadas dan un salto ata as 2600 por un erro previo no cálculo

Mentres se investiga se o lume foi intencionado, a maioría dos desaloxados volveron aos seus fogares

G24.gal 04/11/2023 20:40 Última actualización 04/11/2023 21:34

O factor humano estaría detrás do incendio que afecta ao termo valenciano de Montitxelvo e varios concellos dos arredores. Iso é o que transmitía a Delegación do Goberno nesta comunidade sen máis concrecións polo de agora. Son unhas 2.600 as hectáreas queimadas dende o xoves e o lume está lonxe de remitir. Iso si, por primeira vez prevalece o optimismo.

"Podemos dicir que está evolucionado favorablemente. Seguimos traballando para a estabilización do perímetro e agora mesmo a que temos máis activa é a cabeza do incendio", explicaba a primeira hora da tarde José Miguel Basset, xefe do Consorcio Provincial de Bombeiros de Valencia.

A diminución da intensidade do vento e un aumento da humidade facilitaron a extinción das lapas:

"As condicións meteorolóxicas permitiron que teñamos cinco medios aéreos agora mesmo voando e realizando labores de extinción", sinalaba Elisa Núñez, conselleira valenciana de Xustiza e Interior.

Eses medios aéreos tamén permitiron facer unha radiografía das áreas afectadas e da súa situación. Aí saltou unha sorpresa: o perímetro do incendio é de 60 quilómetros e non de 30 como se estimaba. O cómputo das hectáreas queimadas tamén se disparaba.

Dende un altofalante escóitase que remata o confinamento na praza maior de Potries, un dos concellos que están na zona do incendio. Esta mensaxe é a que moitos agardaban. Pola tarde Emerxencias levantaba as restricións e o confinamento nos municipios da área e permitía o regreso dos veciños desaloxados, agás en dúas urbanizacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade