Galicia é a segunda comunidade cos mellores datos de listas de agarda para cirurxías
Galicia é a segunda comunidade cos mellores datos de listas de agarda para cirurxías
O tempo medio de agarda é de 66 días, 46 menos que a media española
A porcentaxe de esperas de máis de seis meses para cirurxía baixa ata o 3,4%
Os datos que acaba de facer públicos o Ministerio de Sanidade son unha fotografía da situación a 30 de xuño. Galicia é, despois de Madrid, a comunidade na que os pacientes agardan menos tempo para unha intervención de cirurxía. Son 66 días de media, nove menos que no primeiro semestre de 2022. A porcentaxe de doentes que levan esperando máis de seis meses pola súa operación tamén é a segunda máis baixa de España. Sitúase no 3,4%. Son catorce puntos menos que a media estatal.
"Son datos moi positivos, que reflicten sobre todo o traballo dos profesionais que están nos hospitais e nos centro de saúde traballando por recuperar eses datos tan bos que tiñamos antes da pandemia e que parece que imos conseguindo".
O conselleiro de Sanidade valorou positivamente estes datos e fixou como obxectivo volver ás cifras históricas de 2019, antes da pandemia. Julio García Comesaña agradeceu o esforzo dos profesionais sanitarios e destacou a aposta do seu departamento pola estabilidade, coa oferta de máis 1.200 prazas da próxima OPE do Sergas.
"Unha aposta máis pola estabilidade, por ofrecer emprego de calidade, por ofrecer prazas en propiedade, e coidando un dos nosos maiores bens, que son os nosos profesionais, e dándolles estabilidade".
García Comesaña asistiu á inauguración en Carballo do segundo Encontro Médico de Bergantiños, unha xornada aberta á cidadanía que reúne medio cento de profesionais para darlle visibilidade ao exercicio da medicina na comarca.