Hamas liberou 24 reféns e Israel excarcerou 39 presos palestinos no primeiro día de tregua
Hamas liberou 24 reféns e Israel excarcerou 39 presos palestinos no primeiro día de tregua
Decenas de camións con combustible, comida e medicamentos entraron na Franxa de Gaza
Volven á casa tras sete semanas de secuestro os 24 reféns que Hamas liberou este venres no primeiro día de tregua. A milicia palestina entregoullos á Cruz Vermella, que os trasladou en catro vehículos a unha base militar do norte de Exipto.
Son 13 cidadáns israelís apalabrados no acordo, 4 nenos e 9 mulleres, e outros 11, 10 tailandeses e un filipino, que tamén estaban secuestrados e que Hamas liberou por vontade propia. Todos están xa en territorio israelí. Unha vez identificados, leváronos a hospitais de Tel Aviv, onde se reuniron coas súas familias.
O primeiro ministro, Benjamin Netanyahu, seguiu toda a operación co seu equipo. Case ao mesmo tempo, e no medio de grandes disturbios, Israel liberaba 39 presos palestinos que cumprían condena no seu territorio.
Cúmprese así o pactado entre ambas partes para a primeira xornada de tregua. O primeiro día, desde o sete de outubro, en que non houbo ataques por ningunha das partes. Milleiros de cidadáns da Franxa de Gaza aproveitaron a paz para volver ás súas casas, que abandonaron precipitadamente polos bombardeos.
O alto o fogo permitiu a entrada de máis dun cento de camións con axuda humanitaria á Franxa. O proceso continuará mañá e pasado. Israel anuncia que a partir do luns, volve a guerra.