Milleiros de persoas ateigan o centro de Madrid contra os pactos de investidura
Milleiros de persoas ateigan o centro de Madrid contra os pactos de investidura
Asistencia multitudinaria tamén nas concentracións convocadas nas 52 capitais de provincia
Alberto Núñez Feijóo: "Non calaremos ata falar nunhas eleccións"
Alfonso Rueda: "Galicia é un clamor máis alá de posicionamentos políticos"
O presidente do PP dixo este domingo diante de milleiros de persoas congregadas na Porta do Sol de Madrid que a maioría de españois "xa non é silenciosa" contra a lei de amnistía que permitirá a investidura de Pedro Sánchez.
Alberto Núñez Feijóo pechou a concentración convocada polo seu partido na capital, á que se sumou Vox, que contou coa participación de 80.000 asistentes segundo cifras da Delegación do Goberno e un millón segundo a organización.
No seu discurso, asegurou que a votación da vindeira semana, na que Sánchez previsiblemente será investido, significará "o contrario do votado nas urnas" o 23 de xullo, polo que protestarán "ata que haxa eleccións".
"Non imos calar. Non calaremos ata falar nunhas eleccións e que todos poidamos, outra vez, votar. Porque o que se está a facer é o contrario do que votamos. Por que teñen medo a unhas eleccións? Por que lle teñen medo as urnas?".
O líder do PP arremeteu contra Sánchez durante a maior parte da súa alocución. Acusouno de "mentir" e apoiar a amnistía só para ser investido.
"Fai das súas necesidades persoais, problemas para os españois; da súa avaricia, inmoralidade, e do seu egoísmo, humillación".
Protestas nas capitais de provincia
Asistencia multitudinaria tamén nas concentracións convocadas nas 52 capitais de provincia. En todas as citas, os populares leron un manifesto en que pediron "non poñerse de xeonllos" ante o independentismo e "dar a batalla" de xeito "pacífico, cívico e lexítimo".
En Pontevedra, o presidente da Xunta e líder do PP galego, Alfonso Rueda, participou na concentración de protesta na praza da Peregrina e na Coruña, o secretario de Organización do PP, Miguel Tellado, tamén se uniu á convocatoria.
A participación nas manifestacións galegas foi de 13.000 persoas, segundo a Delegación do Goberno, e 30.000 segundo o PPdeG.