Feijóo: "Non son presidente porque non me vendo nin vendo os españois"

Sánchez afirma que o líder do PP é "un falso gañador" das eleccións e mófase de que Feijóo dixera que non era presidente porque non quere

"Esta investidura propiciarase a través dun exercicio de corrupción política" debido a que, defendeu Feijóo, "tomar decisións contra o interese xeral a cambio de beneficios persoais non ten outro nome"

Alberto Núñez Feijóo intervén no debate de investidura do Congreso (EFE/ Kiko Huesca)
G24.gal 15/11/2023 14:45 Última actualización 15/11/2023 21:48

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, clamou contra a "corrupción política" que ve na investidura de Pedro Sánchez a quen lle diga que é "falso" que teña detrás unha maioría porque "o que se trae hoxe á cámara non se votou nas urnas".

Na súa réplica durante o debate de investidura, Feijóo sinalou que a investidura "nace dunha fraude", en alusión á lei de amnistía, e asegurou que Sánchez xa chegou investido ao Congreso porque o foi "sen dar a cara" e "ás agachadas" fóra de España."Chega investido a esta cámara desde Waterloo", dixo sobre o pacto do PSOE con Carles Puigdemont.

Feijóo defendeu que deben acenderse "todas as alertas democráticas"ante un Sánchez do que, di, "pódese esperar calquera cousa".

Continuamente acirrado polos seus, o líder do PP defendeu ademais que será a voz nas institucións da maioría social ás que, di, Sánchez enganou e deixou "orfa" de representación.

"Tomar decisións contra o interese xeral a cambio de beneficios persoais é corrupción política", denunciou Feijóo, que cre que Sánchez se humilla", "perdeu a razón" e fixo un "delirio" na contra dun discurso de investidura. 

Núñez Feijóo intervén no debate de investidura (EFE/ Kiko Huesca)

Neste sentido, denunciou que Sánchez "non conseguiu o apoio de ninguén, comprouno, que é moi distinto, asinando cheques que todos pagaremos". Así, considerou que "ninguén fixo máis" nin chegara tan lonxe pola causa independentista que o líder socialista. "As ganas para comer do independentismo xuntáronse coa súa fame insaciable de poder", subliñou.  

Feijóo advertiu a Sánchez de que "a historia non o amnistiará" polos seus pactos cos partidos separatistas cataláns para aprobar unha lei de amnistía.

O líder do PP tamén botou en cara a Sánchez que non ten límites políticos, legais, nin éticos, "porque non ten reparos en recorrer á mentira sempre que lle beneficia", nin políticos, "porque o fin xustifica calquera medio e socio". "Non hai nin tan sequera límites legais, porque se a lei entorpece os seus propósitos, adecúase aos intereses persoais de si mesmo ou dos seus socios", recalcou.

Sánchez avisa a Feijóo que, por moito que se manifesten en Ferraz, lle seguen faltando votos

O candidato á presidencia do Goberno, Pedro Sánchez, lembrou ao líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, que por moito que vaian manifestarse coa ultradereita á sede socialista de Ferraz e ás inmediacións do Congreso "seguiranlle faltando os apoios necesarios para ser presidente".

Sánchez, na súa réplica a Feijóo durante o debate de investidura, pediulle que condene "o asedio" destes últimos días ás casas do pobo socialistas e lanzoulle unha advertencia sobre a súa estratexia política: "Como non rectifiquen, acabarán perdendo en 2027".

Na súa resposta a Feijóo no pleno de investidura no Congreso, Sánchez acusouno de ser "un falso moderado abrazado á ultradereita, un falso experto que xestiona pesimamente e un falso transparente que oculta etapas enteiras do seu pasado".

Ademais, Sánchez criticou en varias ocasións os vínculos de Feijóo con Vox: "Fraga distanciouse do franquismo e incorporouse á democracia, vostede estase afastando do debate democrático e desfila cos franquistas de Vox", declarou. 

O candidato do PSOE ironizou tamén sobre a insistencia de Feijóo en reclamar a repetición dos comicios e dixo que non entende como quere que se volvan a celebrar cando "vostede xa as gañou", como repite o presidente do PP. A Sánchez faille graza que Feijóo diga "que non son presidente porque non quero", cando realmente non ten os apoios suficientes. 

O líder do PP respondeulle que, a pesar de gañar as eleccións xerais, non é presidente do Goberno porque non se vende nin vende os españois, a diferenza do que, na súa opinión, fixo Pedro Sánchez cos seus pactos cos partidos independentistas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade