O catedrático e investigador da UDC Ricardo Cao, premio Nacional de Estatística 2023

O galardón recoñece máis de trinta anos de traxectoria dedicada ao ensino e á investigación

G24.gal 19/11/2023 20:31 Última actualización 19/11/2023 21:10

O proxecto CovidBens permitiu realizar un seguimento da epidemia e predicir a aparición de gromos a través da análise das augas residuais da Coruña. Un dos investigadores dese proxecto acaba de ser recoñecido co Premio Nacional de Estatística. A traxectoria de Ricardo Cao, catedrático e investigador principal do CITIC da Universidade da Coruña abarca máis de tres décadas de dedicación á ciencia.

Para el o premio é un recoñecemento conxunto ao traballo de moitos investigadores. Ricardo Cao fala insistentemente da importancia da colaboración científica. Esa que reforza o labor das diferentes áreas do CITIC da Universidade da Coruña. Esa que fixo posible o proxecto CovidBens.

"Algúns dos modelos que nós formulamos para poder estimar axeitadamente a cantidade de carga viral e predicir o número de infectados son perfectamente utilizables noutros contextos, noutras epidemias, coma a da gripe".

A estatística é unha ferramenta indispensable na sociedade actual e para Ricardo Cao tamén é fundamental para nós como individuos críticos.

"A estatística é unha ferramenta valiosísima para ter un espírito crítico. Cando un ten unhas bases estatísticas mínimas pode mirar os datos con ollos críticos e ás veces, sobre todo neste contexto onde abundan as 'fake news' é moi importante".

Preocupado pola dimensión ética do uso dos datos e dos algoritmos, valora moi positivamente a oportunidade de que A Coruña sexa sede da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial. Destaca tamén o potencial da Cidade das TIC, un proxecto que vai favorecer a interacción entre os investigadores e as empresas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade