Pesar no mundo editorial e nas redes sociais polo falecemento de Miguel López, O Hematocrítico

Miguel López deixa o seu enxeño e humor, e un legado literario importante de novela gráfica e literatura infantil

Son numerosas as mostras de pesar a través das redes sociais desde que se coñeceu o seu pasamento

28/11/2023 14:00

O Diario cultural achegouse este martes ata a figura e traxectoria literaria do Hematocrítico, a través das voces de Fran Alonso, escritor e director de Edicións Xerais de Galicia; de Pablo Cruz, editor de literatura infantil e xuvenil no Grupo Anaya; e de Javier Pedreira García, Wicho, un dos creadores do blog Microsiervos, que analizou as claves do éxito de Miguel López en Twitter. 

Fran Alonso destacou que “tiña unha obra revolucionaria, unha capacidade enorme para comunicar e para introducirse na psicoloxía dos nenos e nenas; para subverter e facer do conto tradicional algo moderno e flexible. E tamén tiña unha enorme capacidade para conectar todo isto coas novas tecnoloxías, coas redes sociais”. Deixounos, sinalou “unha obra universal, que ten moito percorrido por diante”. 

Pablo Cruz contounos que a súa primeira obra de literatura infantil, Feliz Feroz, publicada en 2014, converteuse nun fenómeno en Corea do Sur, e afondou na súa faceta máis persoal: “Sempre con ideas, con ese sentido do humor e esa intelixencia que o facían unha persoa tan excepcional”. 

Wicho resaltaba a gran cantidade de mostras de cariño manifestadas a través das redes ao difundirse a noticia do seu falecemento. “Era moi galego, cunha cantidade inmensa de retranca, pero sen ofender a ninguén. Desde un punto de vista moi humorístico, moi divertido, con chíos con moita profundidade e bo rollo. As redes notan xa a ausencia do Hematocrítico”.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade