Todo preparado para a sesión de investidura de Pedro Sánchez

O candidato socialista ten comprometidos 179 apoios, que lle garanten ser investido por maioría absoluta na primeira votación

Ante a previsión de protestas, Interior blindará o Congreso con máis de 1.600 axentes da Policía Nacional e da Garda Civil

G24.gal 14/11/2023 20:41 Última actualización 14/11/2023 21:14

A sesión de investidura comezará este mércores ás doce do mediodía coa intervención, sen límite de tempo, de Pedro Sánchez. O candidato exporá ante o Congreso o seu programa de goberno e, seguindo o procedemento parlamentario, pedirá a confianza da Cámara.

Despois diso, a sesión suspenderase ata a tarde, cando intervirán os grupos parlamentarios para fixar a súa posición. De maior a menor e cun tempo de trinta minutos. 

Sumar anuncia que non haberá repartición de tempo entre os partidos que conforman a confluencia, tal e como pedía Podemos. Intervirá en nome de todos Yolanda Díaz. 

Aina Vidal, portavoz adxunta de Sumar, di: "Entendemos que ten que ser un día de unidade e que temos que defender cunha soa voz a posición do noso grupo".

Pedro Sánchez poderá tomar a palabra sempre que queira, por tempo ilimitado, e responder a cada grupo por separado ou a todos xuntos. 

O procedemento prevé réplicas e contrarréplicas, o que fai que a sesión se dilate ata o xoves. A votación realizarase ao final das intervencións. E, salvo sorpresa, Sánchez será investido presidente do Goberno en primeira votación por maioría absoluta.

Será o seu cuarto debate de investidura. No que suma máis apoios, 179 votos a favor, pero tamén o que se celebra no momento de máis tensión política, marcado polo enfrontamento sobre a amnistía.

Cuca Gamarra, portavoz do PP no Congreso, asegura: "É unha investidura que ten un prezo político inmoral, un prezo xurídico ilegal e un prezo económico inasumible".

Ante o anuncio de protestas ás portas do Congreso, Interior vai despregar un dispositivo de seguridade con máis de 1.600 axentes da Policía Nacional e da Garda Civil. 

"Creo que é moi importante facer un chamamento á calma e á tranquilidade. O dereito de manifestación e o seu respecto constitucional exclúe todo tipo de violencia", di Isabel Rodríguez, portavoz do Goberno en funcións.

O dispositivo de seguridade será un dos maiores despregados en Madrid para blindar un acto público, e non ten precedentes para unha sesión de investidura.

A voceira do Goberno en funcións, Isabel Rodríguez, adiantou que o discurso de investidura de Pedro Sánchez fixará as liñas de traballo para esta investidura. E será, dixo, o eixe sobre o que pivotará a acción do futuro goberno durante os próximos catro anos.

O Partido Popular difundiu esta foto de Alberto Núñez Feijóo na véspera, preparando o debate, con dous dos seus máis estreitos colaboradores. Fontes populares din que Feijóo pretende darlle voz no Congreso aos cidadáns que non entenden os pactos do PSOE cos independentistas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade