Un incendio arrasa unha casa deshabitada en Cospeito

Salvaron os animais, un cocho e varios pitos, que estaban no cortello situado ao carón

O lume comezou de noite e os bombeiros traballaron ata as cinco da mañá

Os camións de extinción quedaron logo atrapados no camiño de acceso, que estaba enlodado

G24.gal 07/11/2023 13:58

Foron os ladridos do can dun veciño os que alertaron da presenza das lapas nunha casa no lugar dos Muíños, en Cospeito. Deseguida avisaron os equipos de emerxencia. Cando os bombeiros chegaron o lume xa estaba moi estendido.

"A casa ardeu toda porque era unha casa antiga de pedra, e non quedou nada. De madeira non quedou nada. Quedaron as paredes, que son de pedra. O resto todo ardeu", informa o dono da casa, Amancio Vega. 

Un veciño di que o lume "empezou polo tellado. Ardeu o tellado, que era toda a base de madeira, toda de cangos e caeu toda para abaixo".

Na vivenda non vivía ninguén, pero si había algúns animais na corte que se salvaron. 

O propietario da casa incendiada explica que "había unha porca, que estaba para matar, e uns pitos. Eses salváronse grazas aos bombeiros, que actuaron moi ben e rápido".

Outro veciño do lugar engade: "O lado de aquí está con uralita e hai unha parede, pero afectoulle algo e o porco estaba no cortello e caeulle unha pedra, pero non lle pasou nada".

As causas do incendio de momento descoñécense. Con todo, por parte da familia propietaria non desbotan que fose intencionado. 

Un residente dunha casa próxima mantén que "era a unha da noite cando nos decatamos, pero non sabemos por que se orixinou". Calcula que "sería o mellor un curtocircuíto". 

A extinción do lume foi complexa porque a madeira empregada na casa alcanzou temperaturas moi altas e tamén polo acceso á vivenda, que estaba moi enlodado.

Un veciño advirte que "os coches de bombeiros tiveron que durmir aquí, que non os puideron sacar. Tivo que vir un guindastre a tirar por eles. Ben ve como está o camiño. Espetáronse e durmiron aí".

Na extinción do incendio participaron os bombeiros de Vilalba e os membros do GES de Friol, que actuaron ata pasadas as cinco da mañá.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade